CxG chama polo voto indeciso en Compostela

O secretario xeral de Compromiso, Xoán Báscuas, afirmou que "CA tocou teito" e o PSOE de Francisco Reyes "facilitará que continúe o PP". 

Compromiso
photo_camera Compromiso

Esta cuarta feira (20 de maio) Compromiso por Galicia (CxG) desenvolveu o seu mitin central na Sala Capitol. No acto, o candidato á alcaldía da capital galega, Xosé Antón López, estivo acompañado polo secretario xeral da formación galeguista, Xoán Báscuas, 

Na súa intervención Báscuas chamou polo voto indeciso de cara ao 24 de maio e, no concreto, polas persoas que cabilan na posibilidade de dirixir o seu ao PSOE ou a candidatura de Martiño Noriega, Compostela Aberta. 

Neste senso, o líder de Compromiso animou @s indecis@s a apostar no proxecto encabezado por López pois, afirmou, "Compostela Aberta tocou teito, Martiño non precisa máis" e o PSOE de Francisco Reyes "facilitará que continúe o PP" no Pazo de Raxoi. "Agora mesmo en Compostela os socialistas están máis preto de dar o Goberno a Hernández que favorecer un goberno de progreso", sinalou. 

"O que si precisamos é un partido no concello con solvencia ideolóxica, galeguista e socialdemócrata, garante do diálogo, a transparencia e a proximidade", "nunha palabra Compromiso", dixo. 

Para Báscuas o voto a CA ou o PSOE "é un xogo que suma cero" debido á fórmula electoral. Pola contra, presentou a candidatura de Compromiso "arrebátalle ao PP o concelleiro que lle pode faltar para a maioría". "Está demostrado", chegou a afirmar. 

Comentarios