CxG aposta polo recoñecemento nacional de Galiza cunha reforma da Constitución

A formación celebrou este domingo en Lalín o seu “día do partido”, que denominan “Día do Compromiso Galego” emulando o Alderdi Eguna do PNV.

Lalín converteuse por unhas horas na capital do país para Compromiso por Galicia. A formación galeguista realizou na vila o Día do Compromiso Galego, unha xornada que emulando o Alderdi Eguna do PNV dedicaron a reivindicar o recoñecemento nacional de Galiza adoptado polo I Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado entre o 16 e o 18 de setembro de 1933.

Rafa Cuíña proclamou Lalín como "epicentro do galeguismo do século XXI"

O acto foi aproveitado por CxG para poñeren en valor a xestión de Rafa Cuíña á fronte da alcaldía lalinense.  O secretario xeral, Xoán Bascuas, enxalzou o “modelo Cuíña” xa que, segundo afirmou, “en poucos días mudou a forma de facer política no Concello”. Un recoñecemento que Bascuas fixo extensivo ao conxunto de alcaldes e a alcaldesa do partido. O propio Cuíña proclamou, pola súa banda, a Lalín como “o epicentro do galeguismo do século XXI”, o lugar, “onde rexurdirá e tinxirá de verde o resto do País”. 

Candidatura galega

Durante a súa intervención Bascuas cualificou de “oportunidade” o escenario de camnbio que se pode abrir a nivel estatal logo das próximas eleccións xerais. Porén, advertiu tamén do risco que pode representar “non contar coa ferramenta axeitada”, en referencia ao proceso de confluencia aberto entre as forzas políticas galegas. Bascuas criticou que “hai quen parece que se preocupa máis polo relato do desacordo que polo argumento da converxencia electoral”.

O líder de CxG  reiterou a aposta da súa formación por constituír “unha plataforma cidadá galega onde a protagonista sexa a xente e os partidos actuemos como motores auxiliares, e onde todos participemos, sen exclusións, para poder constituír un grupo parlamentar galego por vez primeira”. 

A respecto dos obxectivos cos que encarar a vindeira lexislatura no Congreso, Bascuas propuxo abordar unha reforma constitucional “que mude a arquitectura institucional do Estado e que recoñeza a Galiza como nación”.

Comentarios