CxG anunciará as cabezas de listaxe ás municipais o 31 de outubro

Xoan Bascuas anunciou que serán presentad@s nun acto político a comezos de novembro. Compromiso desmárcase desta maneira das candidaturas cidadás que están a xermolar nalgunhas cidades.

A organización galeguista avanzou esta cuarta feira (13 de agosto) que terán candidat@s para as eleccións municipais de 2015 este mesmo outono. Así o anunciou o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoan Bascuas, nun comunicado de imprensa. 

Será o 31 de outubre e após un proceso de "eleccións primarias abertas á cidadanía" como serán eleitas as cabezas de listaxe de CxG. Unha decisión que apunta cara ao desmarque da formación liderada por Bascuas en relación coas candidaturas cidadás que se están a artellar na Coruña e Vigo.

CxG di que a escolla non é "contraria" ás alianzas e coligazóns

Se ben, Xoan Bascuas afirmou que "non é contraditorio coa posibilidade de alianzas e coligazóns con outras forzas políticas ou movementos cidadás, dependendo en última instancia da vontade de cada Agrupación, xa que teñen autonomía neste sentido".

Bascuas defende que o proceso aberto en Compromiso casa coa posibilidade de se integraren noutras alianzas e coligazóns, se ben, a organización galeguista xa terá eleitas as cabezas de listaxe en Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo, Santiago e Pontevedra

Porén, as mareas de Vigo e Coruña deixan claro nos seus manifestos públicos que os procesos encetados visan a participación individual das persoas que os integran o que sería contrario á incorporación de organizacións que elixisen xa os nomes que encabezarán as súas candidaturas. 

Un feito que contrasta coa información feita pública hai unhas semanas onde CxG anunciaba que serían as súas agrupacións locais as que determinasen a fórmula de concorrencia aos comicios de 2015.

Neste senso, o secretario xeral da organización galeguista asegurou que en pouco máis de dous meses desenvolverán un "acto político" no que serán presentadas publicamente as persoas elixidas co obxecto de se poren a traballar decontado nos comicios máis interesantes para Compromiso. 

A partir dese momento, subliñou, "tocará formar un grupo de traballo e trasladar á xente o noso proxecto de cidade" en concellos como Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo, Santiago e Pontevedra. 

O procedemento de escolla rexerase por un regulamento que permite a presentación de candidaturas por parte da militancia, mais tamén de simpatizantes e cidadanía que asuman os principios básicos de Compromiso. Segundo o secretario xeral da formación, algunhas persoas xa amosaron "en diversos foros" o seu interese por se proporen candidatas. Neste senso, terán entre tres e sete días para facer campaña incluída através dos "medios locais de comunicación, públicos ou privados. 

Comentarios