Currás non demite

O alcalde de Compostela, Ángel Currás anunciou que non demite malia estar imputado esta quinta feira no caso Pokemon “para non entorpecer o funcionamento do concello”. Confirmou en conferencia de prensa que outro dos imputados é o seu xefe de gabinete. Vídeo no interior.
Currás na conferencia de prensa
photo_camera Currás na conferencia de prensa

"Non vou a demitir para non entorpecer o bo funcionamento do concello”. Esta foi a razón que Ángel Currás, alcalde de Compostela, comunicou á prensa nunha comparecencia que durou uns poucos minutos no edificio da praza do Obradoiro. Nervioso mais co sorriso estudado, reiterou en varias ocasións que é inocente no caso que se lle imputa, o tráfico de influencias na contratación do servizo da gardería de Salgueiriños. Currás estivo no departamento de Cultura no tempo en que o grupo Vendex conseguira varias adxudicacións, entre elas a desta gardería. Hai uns días tivo declarar tamén por este asunto a súa sucesora na concellaría, Rebeca Domínguez. 

Na mesma conferencia de prensa confirmou que tamén esta imputado o seu xefe de gabinete, Francisco Castro, unha persoa da súa total confianza. Castro entrou nese posto en sustitución de Ángel Espadas, o xefe de gabinete do seu predecesor na alcaldía, Gerardo Conde Roa.

Informou a Feijóo
Currás asegurou que foi el quen chamou ao presidente da Xunta e líder do PPdeG para informarlle da súa imputación “como ten que ser” mais non recibiu ningún tipo de indicación sobre a conveniencia da súa dimisión. Segundo o código ético do PP aqueles cargos que estean imputados en causas xudiciais teñen a obriga de deixar o seu cargo. Ese foi o caso do ex-alcalde de Boqueixón imputado por recibir subornos na mesma trama. Agora ábrese a incógnita de se, no caso da capital de Galiza, Currás será o segundo alcalde do PP en demitir en poucos meses por problemas coa xustiza. Os vindeiros días veremos que decisións toma Alberto Núñez Feijóo para non prexudicar a imaxe, xa danada, do seu partido.

Video do inicio da conferencia de prensa

Comentarios