A CUP non se presenta, mais deixa ver a súa afinidade con BNG e Bildu en Donostia

A formación catalá decidiu non formar parte de ningunha candidatura, pero por medio do seu voceiro David Fernández estarán hoxe nun acto xunto a Josu Juaristi (Bildu) e Xavier Campos (BNG), en Donostia.

David Fernández [Imaxe: CUP]
photo_camera David Fernández [Imaxe: CUP]

Non presentarse a unhas eleccións tampouco ten porque significar abstencionismo absoluto ou resignación. A Candidatura d'Unitat Popular (CUP) decidiu, após a particicipación da militancia en asembleas, non facer parte da coligación electoral ás europeas xunta a outras forzas da esquerda soberanista, como EH Bildu e BNG, as únicas coas que chegaron a plantexarse xuntar. Porén, ao contrario de quen aposta no abandono, teñen detalles de compromiso tamén no campo das urnas.

Hoxe en Donostia está convocado un acto do que participarán membros da candidatura de Os Pobos Deciden, da que fai parte o BNG. E no mesmo tomará parte a cara máis coñecida das CUP, David Fernández, deputado no Parlament. A súa formación non se presenta. Pero participa.

En Donostia, na praza da Constitución -e coa intención de deixala de chamar así- organízase un encontro no que estará o representante da CUP -segundo enquisas o deputado máis valorado en Catalunya- e tamén o candidato de Bildu -Josu Juaristi- e Xavier Campos, membro do Consello Nacional do Bloque. Será un encontro de nacións, tal e como o anuncian. Do soberanismo como oposición á Troika, coa mirada posta no 25-M.

Comentarios