A CUP anuncia un 'Si' na cuestión de confianza para culminar o proceso independentista

Apoiará Carles Puigdemont.

CUP

Os 10 deputados da CUP no Parlament darán o seu apoio a Carles Puigdemont na cuestión de confianza á que se vai someter o presidente catalán a finais deste mes. Un apoio, afirmou a deputada independentista Anna Gabriel nunha entrevista en TV3, que se basea en “dar a confianza para que acabe a lexislatura cos obxectivos que se marcaron”. Gabriel evitou poñer chatas á cuestión de confianza e sinalou que pola CUP non se vinculará a votación a que se fixe unha data xa para realizar un referendo unilateral de independencia (RUI). Porén, afirmou que o voto será positivo sempre e cando se manteña o roteiro marcado para esta lexislatura.

“Non hai motivos para convocar novas eleccións”, asegura Gabriel, que anunciou que esta semana a formación vai reunirse coa Consellería de Economía para falar sobre os orzamentos. A CUP quer ver plasmadas nas contas algunhas propostas de “sentido común” como a fin dos recortes e a inclusión de partidas para a realización dun referendo. Nesta liña, entende que os orzamentos deben reflectir unha "vontade de ruptura".

A deputada independentista tamén quixo deixar claro que “para nós continúa a ser chave o referendo sobre a independencia” mais que entende que no seo de Junts pel Si pode haber aínda debate sobre a inclusión do mesmo na folla de ruta. Por iso manifestou que ainda que o 28 de setembro, día da cuestión de confianza, non se concrete mecanismo ou data para a RUI a CUP votará a favor para manter o proceso independentista. 

Comentarios