“Cumprirá o goberno con Galiza?” En Marea demanda a Sánchez “seguir avanzando” na ‘Axenda galega’

tone
photo_camera Antom Gómez Reino

O portavoz de En Marea no Congreso, Antom Gómez-Reino, interveu esta cuarta feira na sesión de control ao goberno español que decorreu no Congreso para preguntar pola ‘Axenda galega do cambio’, as propostas e medidas que En Marea trasladou o executivo de Pedro Sánchez.

“Cumprirá o goberno con Galiza?”, preguntou Gómez-Reino, insistindo en que “as cinco deputadas e deputados falámoslle como militantes de Galiza e estamos trasladando as demandas que o pobo galego esixe ao Estado”.

O congresista insistiu en que os temas da ‘Axenda', -do traspaso da AP-9 ao saneamento das rías galegas, pasando polo financiamento autonómico, a colexión do Eixo Atlántico ou actuación en infraestruturas – contan co apoio maioritario de galegos e galegas.  “Gran parte das demandas da Axenda Galega do Cambio son aprobadas en Galiza cos votos tamén do PP e do PSOE, pero fan unha cousa en Galiza e a contraria en Madrid”.

Así, a Axenda Galega “son uns “mínimos” para cumprir con Galiza”. “Non hai escusas. Estas cinco deputadas e 2.800.000 galegos e galegas esiximos avances e respostas. Galiza esixe cambio”, rematou o voceiro. 

Desde En Marea sinalan que pola banda do goberno, a ministra Meritxell Batet, “contestou de xeito positivo ás demandas” e “mostrouse comprometida ao diálogo”.

Comentarios