"Cumprimos o obxectivo de garantir representación directa de Galiza na Eurocámara"

O Bloque di ter cumprido "os principais obxectivos" nas eleccións europeas embora non obter "o resultado" do que gostarían. 

DSCN4881
photo_camera DSCN4881

Após un día das eleccións ao Parlamento europeo o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, compareceu perante os medios de comunicación para valorar os resultados obtivos pola organización frontista. O Bloque, que colleitou o 7,90% dos apoios, obtivo finalmente un escano na Eurocámara que corresponde á coligación Os Pobos Deciden. 

Segundo Vence, os perto de 80.000 votos obtidos pola formación nacionalista "non é o resultado que nos gustaría" mais, acrecentou, "cumprimos o principal obxectivo de garantir representación directa de Galiza na Eurocámara". A súa cabeza de lista, Ana Miranda, será eurodeputada durante 18 meses no escano rotatorio que partillará o BNG con Bildu, mais, explicou o voceiro nacional, "vai presentar todo tipo de iniciativas e propostas en defensa de Galiza desde o minuto cero". 

Vence sinalou que Ana Miranda será eurodeputada durante 18 meses segundo o acordo acadado pola coligación Os Pobos Deciden

Para alén diso, Xavier Vence asegurou após a xuntanza da Executiva Nacional que o resultado obtido polo BNG foi "especialmente meritorio" perante o "contexto de campaña" que atinxiu a organización frontista, unha campaña marcada, lembrou Vence, pola "austeridade, pola censura nos medios públicos e polo intento de criminalización da coligación electoral cos nacionalistas bascos por parte do PP". Perante estas circunstancias, sinalou, "perder apenas un punto en porcentaxe de voto é asumible". 

Para a Executiva do BNG, “a campaña puxo de manifesto que temos o motor a punto, que temos unha organización cohesionada, ilusionada e traballando en todas as frontes, na rúa cos movementos sociais, nos concellos onde gobernamos e nas institucións”, un feito que, entenden, permitirá á organización frontista afrontar novos retos electorais. 

Para o BNG, os resultados do 25M non debuxan "un panorama político definitivo"

Segundo o portavoz nacional do Bloque, os resultados electorais das europeas certifican a crise do “bipartidismo harmónico españolista” e que se traduciu, para @s nacionalistas, "nunha fragmentación e unha volatilidade políticas que explican os resultados do 25M" mais que, din, non debuxan un "panorama político definitivo" extrapolábel a outros comicios como os municipais. 

Neste senso, a dirección do BNG enfatizou que “quere ser o referente” na Galiza de todas as persoas que apostan en “proxectos de esquerda e contestatarios, de todas as persoas que se enfrontan a Troika e as políticas de recorte”. 

Comentarios