Xuristas cuestionan a actuación da xuíza Pilar de Lara

Fontes xurídicas cuestionan o procedemento da instrucción do caso Pokémon. A ligazón da xuíza co Partido Popular --o seu marido é membro do Comité executivo do PP de Lugo-- así como as informacións que apuntaron a que estaría próxima ao ultraconservador Opus Dei, puxeron no punto de mira a súa instrución.

Pilar de Lara non se tería cinguido ao “cumprimento estrito da lei procesual penal”

En opinión de Carlos Pérez Parga, avogado do gabinete vigués “Cum Laude”, Pilar de Lara non se tería cinguido ao “cumprimento estrito da lei procesual penal” e apunta que na súa actuación habería “subxectividades”. Pérez Parga cre que a xuíza se “equivocou nas formas” e que deu lugar a pensar que a súa instrución non atendería “só a motivos xudiciais”. O xurista explica que “en casos moito máis graves, mesmo en causas instruídas na Audiencia nacional, tense optado por operativos menos agresivos” que o despregado neste.

A respecto dos arrestos con ampla cobertura dos medios de comunicación ou o feito de que algúns procesados chegasen ao xulgado esposados, Sara Carou García --xurista do bufete “Lex Galaica”-- considera que se podería ser “máis flexíbel na aplicación dos protocolos”. Pérez Parga, pola súa banda, cuestiona o trato diferente ofrecido a uns procesados e a outros, así como o feito de que se forzase o seu traslado a Lugo explicando que “a xuíza podería ter tomado declaración noutras sedes xudiciais, evitando desprazamentos que acrecentaron o morbo do operativo”.

Un aspecto moi discutido foi a privación de liberdade que acompañou algunhas das detencións, nalgúns casos por tempo moi prolongado. Sara Carou subliña que “a privación de liberdade debería limitarse a supostos de risco real de fuga, de destrución documental ou de alarma social”, que neste caso poderían non darse. “Desde logo, obxectivamente, non hai un clima de alarma social que xustifique esa decisión” engade Carou. Pola súa banda, Pérez Parga sentencia tallante que “non era necesario tanto espectáculo”.

Segredo de sumario quebrado que deixa “presuntos culpábeis"

No xuízo paralelo a restrición do segredo de sumario deixaría en “absoluta indefensión” os implicados na causa, segundo Carou. Da mesma opinión é Carlos Pérez Parga, para quen ese proceso paralelo “xera un grave prexuízo” para as persoas procesadas ao quedar limitada á sede xudicial a acción da defensa, entrementres as acusacións transcenden alén desta con “informacións parciais e nesgadas”. “Debería preservarse o dereito á intimidade e á honra” dos procesados, defende Carou. Esta situación podería provocar que se reconsidere o segredo ditado sobre a causa, como mínimo cun levantamento parcial, aínda que amb@s @s xuristas consultad@s coincidiron en que esa decisión é “competencia exclusiva da xuíza, xa que é quen coñece a totalidade do sumario”.

Comentarios