A cuestión vasca mostra o rosto real de Podemos

Unha organización rupturista pode asumir o discurso do sistema contra a esquerda abertzale e descoñecer a aposta radical desta a prol da loita política por vías democráticas e pacifistas? Claramente non. Xa non é só que Pablo Iglesias se fotografe con Felipe VI e que reivindique o legado socialdemócrata do PSOE: é que agora tamén resgata o antediluviano discurso da demanda de condena a ETA para afastarse de EH Bildu e gañar votos en España.

Pablo Iglesias ETA herriko taberna
photo_camera Pablo Iglesias, en La Tuerka

 

Podemos é, neste momento, puro reformismo. Non o digo desde ningún ideoloxema, dígoo desde unha descrición obxectiva da realidade. E non é casual que sexa a cuestión vasca -sempre a cuestión nacional- a que desvende o que hai detrás de Podemos e o que ispa a organización de Pablo Iglesias.

En non poucos ambientes a noticia de Podemos demandar a Bildu a condena de ETA como pre-requisito para chegar a acordos post-eleitorais produciu entre estupefacción e desencanto. Ah, amigos e amigas, xa o viña advertindo Pablo Iglesias: a política é lixarse as mans. Claro que cada quen elixe o esterco co que rebozarse, e Pablo Iglesias foi elixir o esterco da retórica unionista española de toda a vida, a que foi estéril para acabar co fenómeno da loita armada. Non foi a petición de condena da violencia a que conduciu a ETA a decretar o alto ao fogo definitivo, foi a aposta política afouta da esquerda abertzale (a vía que liderou Otegi a prol do silencio das armas) a que trouxo ese cenario.

A cuestión nacional, si, é a que coloca a cada quen no seu sitio no Estado español porque é a principal contradición co réxime

Non digo nada que o propio Pablo Iglesias non dixese/pensase á altura de 2013 cando palestrou nunha herriko taberna en Nafarroa, ou cando mantiña conversas con dirixentes da esquerda abertzale sobre como desarticular o discurso español imperante desde o mundo dos think tank [o 6 de xuño de 2013, Pablo Iglesias di nunha sede da antiga Batasuna: "Para min é unha honra e un orgullo poder participar nun acto coa esquerda vasca e con Sabino, que -se me permitides un comentario como español-, para min é moito máis que un deputado, é un deputado do pobo". Sabino é Sabino Cuadra, parlamentar de EH Bildu].

Ese Pablo Iglesias xa non existe, nen sequer tivo que chegar á Moncloa para se atraizoar a si propio, xa cambiou do cabalo no meio do río, agora anda á grupa dunha montura unionista, máis unionista que algúns elementos do PSE como Egiguren, castigados por procurar vías de relacionamento coa Batasuna de Otegi.

A cuestión nacional, si, é a que coloca a cada quen no seu sitio no Estado español porque é a principal contradición co réxime. Non é a débil esquerda española porque esta, cando medra, acaba sempre por sucumbir á tentación de devir nunha dócil social-democracia. O rupturismo, ao final, era iso: puro reformismo, ou sexa, no plano social, desprazar o PSOE como partido socialdemócrata; no plano nacional, manter fidelidade ao unionismo, e reducir a retórica do dereito a decidir a unha apelación abstracta e desnacionalizada do dereito da sociedade a entender sobre os seus asuntos. Do dereito á autodeterminación e do proceso constituínte, xa mellor non falamos.

Cae a venda e remata o baile de disfraces. Non está mal. En Euskal Herria e en Catalunya as forzas soberanistas toman nota. Na Galiza hai aínda sectores que se autodefinen como nacionalistas que non parecen tela tomado. Aínda. Non perdamos a esperanza.

Comentarios