Cuca Gamarra, elixida por Feixoo en substitución de Teodoro García Egea

O presidente da Xunta deu conta da súa escolla a través dun chío na rede social Twitter.
A  portavoz do PP no Congreso dos Deputados, Cuca Gamarra. (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
photo_camera A portavoz do PP no Congreso dos Deputados, Cuca Gamarra. (Foto: Marta Fernández / Europa Press).

O presidente da Xunta e candidato a liderar o PP, Alberto Núñez Feixoo, proporá a Cuca Gamarra, actual portavoz do Grupo Popular e coordinadora xeral do partido, como a súa secretaria xeral na nova etapa que abrirá o partido no congreso extraordinario desta fin de semana en Sevilla.

"Gamarra será a miña proposta para ser a nova secretaria xeral do PP. Serviu aos seus veciños desde a Alcaldía de Logroño. Serviu ao seu país desde diferentes responsabilidades no Congreso. Pídolle que asuma unha nova responsabilidade servindo tamén ao seu partido", adiantou Feixoo nunha mensaxe na súa conta oficial de Twitter.

Núñez Feixoo asinou onte a súa renuncia como máximo dirixente do Partido Popular (PP) da Galiza. Será efectiva a partir de mañá, primeiro de abril.

Tras formalizar este abandono, ten pendente concretar o momento en que renunciará á presidencia do Goberno galego para saber, tamén da elección do seu sucesor á fronte da Xunta 

Feixoo renuncia como presidente do PP galego para non incumprir os estatutos da súa formación política, que impiden compaxinar a presidencia do PP nunha autonomía coa do partido a nivel estatal, unha vez que Feixoo sexa nomeado no congreso da formación política en Sevilla os vindeiros 2 e 3 de abril.

Comentarios