ÁNGEL GARCíA SEOANE ‘GELO’

“Cuba non dobrou o xeonllo, e venceu”

O alcalde de Oleiros é un coñecido defensor do proxecto aberto en Cuba en 1959, país ao que viaxou en numerosas ocasións. Falamos con el do paso histórico de Washington e A Habana de recompoñer as relacións. “Cuba logrou o que pretendía”, afirma.

gelo

Aínda coa nova quente por ser tan recente, como valora o paso dado esta cuarta feira por EUA e Cuba?

É unha gran alegría. Ía sendo hora de que o bloqueo desapareza. Xa sei que polo de agora o que se acordou é restablecer relacións diplomáticas, mais é unha porta aberta para que o Congreso de Estados Unidos tome a decisión de acabar co bloqueo. Eu resaltaría que Cuba logrou o que pretendía, que era liberar os ‘5 heroes’ que foran miserabelmente prendidos por EUA cando estes cubanos investigaban a terroristas.

Creo que Estados Unidos non tiña máis remedio que abrir a porta, o mundo cambiou. E con esta decisión, EUA colle a dianteira a Europa, que ficou totalmente á marxe con tanto seguidismo de Estados Unidos para ao final quedar coa porta nos fuciños.

Cambiaron as tornas...

Cuba está a facer a revolución que quería facer nos 60 e nos 70 en África e Latino-américa e está a facela a través de médicos, mestres, asesores revolucionarios; non coas armas. Un gran esforzo solidario con moitos países.

Era unha decisión esperábel? Porque semella que colleu por sorpresa a todo o mundo

Era esperábel que pasase algo. Ao recente XXIV Cumio Iberoamericano que tivo lugar en México non asistiron cinco ou seis dos países, como Cuba, Venezuela, Nicaragua o Bolivia... E son estados que teñen o seu peso. O Estado español non soubo actuar.

Unha das preguntas se que se formulan a raíz desta nova e a de "agora que?"...

Nestas horas estase a falar moito nos medios e hai moito tertuliano que dá vergoña, fala sen saber, nin idea ten de Cuba. A ver, alí hai moito tempo que están nun proceso aberto para que o país mellore, houbo e hai cambios. Por exemplo, un cubano hoxe é propietario da súa casa, algo que antes non. As cousas evolucionan. Mais gran parte dos opinadores seguen a falar como hai décadas. Cargan contra Cuba en materia de Dereitos Humanos e eu pregunto, cantos desaparecidos hai en Cuba? Moitos dos tertulianos que presumen de defender os dereitos humanos para Cuba despois aquí apoian a Lei Mordaza. Non se decatan de nada. Cuba vai para adiante, e a sociedade española é moito máis consciente disto que o seu goberno ou moitos medios de comunicación.

Que vai supoñer este cambio de escenario para a poboación cubana?

Iso irase vendo pouco a pouco, esperemos que sexa a fin do bloqueo.

Que significa Cuba hoxe en día para vostede?

O meu líder é Fidel Castro e serao até que morra. Cuba é para min un dos países con máis dignidade do mundo. Non dobraron o xeonllo e venceron.

Comentarios