Cs teima na coalición electoral co PP: “O nacionalismo é unha ameaza real na Galiza”

Beatriz Pino, portavoz de Ciudadanos na Galiza, prevé contra o BNG e chama a articular "unha fórmula xenerosa".

Beatriz Pino, portavoz de Ciudadanos na Galiza.
photo_camera Beatriz Pino, portavoz de Ciudadanos na Galiza.

Ciudadanos (Cs) segue considerando necesario que os partidos "constitucionalistas" se unan de cara ás próximas eleccións galegas para facer fronte ao nacionalismo, que foi o argumento co que, o pasado febreiro, propuxo a formación laranxa ao Partido Popular unha coalición electoral. Unha coalición para a que agora, considera, "séguense dando as condicións".

Así o dixo o dirixente de Cs e portavoz adxunto no Congreso dos Deputados, Edmundo Bal, que pediu "un esforzo" aFeixoo para evitar que o BNG goberne tras os comicios do 12 de xullo se pacta co PSOE.

Nunha rolda de prensa telemática após a reunión do Comité Permanente de Ciudadanos, Bal lembrou que o seu partido concorre en coalición co PP ás eleccións vascas, que, do mesmo xeito que as galegas, tíñanse que realizar o 5 de abril pero aprazáronse a causa do coronavirus.

Ao seu xuízo, o "perigo" que ambos os partidos tratan de conxurar en Euskadi "existe tamén na Galiza", onde aínda "se dan as condicións" que levaron a Cs a tentar acordar unha coalición en febreiro, xa que "o nacionalismo ten forza" e "pode dar unha sorpresa".

"Por tanto, ao señor Feixoo dicímoslle que, dándose esas condicións, hai que facer un esforzo para que non se perda un só voto dos constitucionalistas na Galiza, para que non avance o nacionalismo e podamos gañar as eleccións aqueles que cremos na igualdade de todos os españois", manifestou, apelando á "xenerosidade" do PP.

Após as palabras de Bal, a portavoz de Ciudadanos Galiza, Beatriz Pino, incidiu, a través dun comunicado, nesta proposta lanzada aos populares co obxectivo de "non perder un só voto constitucionalista" de cara ao 12X.

A líder do partido laranxa na Comunidade volve axitar a idea de que "o nacionalismo e o populismo seguen sendo unha ameaza real", fronte á cal urxe "máis que nunca" a unidade do "constitucionalismo".

Comentarios