Análise

A CRTVG, entre Sánchez Izquierdo e Rubido

O Parlamento da Galiza deberá acometer nos vindeiros meses a elección dun novo director da Compañía de Radio Televisión da Galiza. Mentres Sánchez Izquierdo urxe o seu recambio a Núñez Feixoo, o cesado director de ABC, Bieito Rubido, gaña forza como alternativa dos populares. A batalla está servida.

bieito
photo_camera Núñez Feixoo entrega o premio Diego Bernal a Bieito Rubido (Foto: Xunta da Galiza)

A Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) atópase na interinidade desde 2011. Naquela altura, o Parlamento da Galiza aprobou unha Lei de Medios onde fixou que o director xeral da Corporación de Radio Televisión da Galiza debía ser escollido polo Parlamento co apoio, cando menos, de dous terzos dos deputados e deputadas, porén o presidente galego non propuxo a ninguén para esa responsabilidade en todo este período. Sen atender ao fixado pola nova lexislación, o Partido Popular non acometeu na última década ningunha tentativa para nomear un novo responsábel da CRTVG conforme ao aprobado pola Cámara galega, deixando en mans de Sánchez Izquierdo o control dos medios públicos.

Alfonso Sánchez Izquierdo chegou á dirección da CRTVG en 2009. Malia que Núñez Feixoo anunciou repetidamente ao longo daquela campaña electoral a intención de pór en marcha uns medios independentes e a súa disposición a acordar os órganos de dirección co resto das forzas parlamentarias, a promesa durou pouco. O novo responsábel dos medios públicos galegos foi escollido cos votos dos deputados e deputadas do Partido Popular, após un breve período de conversas cos socialistas de Pachi Vázquez e sen consultar ao BNG. Os outros nomes suxeridos naquela altura polo PP para o cargo foron Arturo Maneiro, Bieito Rubido e Anxo Quintanilla, como Sánchez Izquierdo recoñecidos representantes da dereita mediática.

Sánchez Izquierdo non está disposto a continuar por máis tempo no cargo. O veterano xornalista ourensán fíxolle saber ao seu círculo de confianza pero tamén a Feixoo que o seu relevo non se pode demorar máis. Así, segundo fontes próximas a el, indicou que a súa vida se atopa nun momento de mudanzas importantes, con situacións novas que o levan a redefinir as súas prioridades persoais e por iso mesmo carece de disposición para manterse á fronte da CRTVG. “Alfonso quere vivir e ten dereito”, sinala a Nós Diario un amigo de Sánchez Izquierdo, quen lembra que “xa pasou dos 70 anos e quere aproveitalo”.

O desgaste dunha xestión tan polémica pesa tamén nesta decisión. O labor do equipo directivo da CRTVG estivo marcado ao longo da última década pola persecución aos profesionais da compañía que apostaron por unha canle pública sen ataduras partidarias e ao servizo dunha información de calidade. A iniciativa dos Venres Negros, promovido polo colectivo de traballadores e traballadoras agrupados na plataforma Defende a Galega, foi a resposta ao labor de Sánzchez Izquierdo á fronte da CRTVG pero tamén unha manifestación das fortalezas dos medios públicos galegos.

Bieito Rubido gaña enteiros como substituto de Sánchez Izquierdo. Cesado o pasado 1 de setembro como director de ABC, é un dos rostros máis coñecidos da dereita mediática, sendo moi activa a súa participación nos medios de comunicación da coñecida como “caverna madrileña”, colaborando, entre outros, nos programas radiofónicos de Carlos Herrera ou Jiménez Losantos. Ao seu favor xoga a proximidade política ao Partido Popular e de maneira moi particular a Mariano Raxoi e a Núñez Feixoo, con quen partilla unha fonda amizade desde hai anos, até o punto de ser considerado como unha das persoas do seu círculo persoal.

O perfil ideolóxico e as posicións políticas de Rubido non semellan as máis axeitadas para conseguir unha maioría cualificada no Parlamento da Galiza. A actual composición da Cámara impide a súa elección só cos votos do Partido Popular. Porén desde o núcleo de Rubido consideran posíbel gañar o apoio do PSOE para o seu nomeamento. Neste sentido, destaca a súa relación persoal de moitos anos con Abel Caballero, a súa sintonía con outros dirixentes socialistas galegos e o “sentido de responsabilidade” desta formación para impedir o bloqueo na CRTVG.

As forzas da oposición parlamentaria non semellan dispostas a validar esta alternativa. As persoas da dirección do BNG consultadas por Nós Diario descartan de plano a proposta de Rubido sinalando que “remataría por facer bo a Sánchez Izquierdo”. Pola súa banda, desde o círculo de Gonzalo Caballero consideran que se trata dunha opción non asumíbel, xa que “representa o mesmo que Sánchez Izquierdo”.

11 anos á fronte da CRTVG

A etapa de Alfonso Sánchez Izquierdo á fronte da CRTVG está a ser moi polémica.

Acúsano de expulsar a información e o talento dos medios públicos para construír unha máquina de propaganda orientada a manter o control político do PP na Galiza.

Comentarios