CRTVG propón nove debates electorais, dos que só un será con todos os candidatos, e 14 entrevistas

Presentou á xunta electoral o seu plan de cobertura para as eleccións do 12 de xullo.
Plató da CRTVG (arquivo).
photo_camera Plató da CRTVG (arquivo).

A Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) entregou á xunta electoral o seu plan de cobertura para as eleccións do próximo 12 de xullo, que inclúe nove debates, dos cales só un con todos os candidatos á Presidencia da Xunta de sete formacións “representativas e significativas”. Cos debates, a CRTVG tamén recolle no seu plan de medios un total de 14 entrevistas con candidatos e candidatas.

Así, o ente público galego propón celebrar un debate a sete bandas a primeira segunda feira de campaña electoral, 29 de xuño. Así mesmo, aposta por catro debates provinciais na televisión pública, para emitir o 1 de xullo, e outros catro organizados pola Radio Galega, a última semana da carreira cara ás urnas.

Pola súa representatividade (presenza no Parlamento da Galiza) en función dos resultados das eleccións anteriores, as formacións que se consideran do grupo representativo son: PP --Núñez Feixoo como candidato--, En Marea (marca electoral que se presentou como tal nas eleccións de 2016 mais cuxos impulsores e partidos que o conforman xa non están vinculados) --Pancho Casal--, PSdeG --Gonzalo Caballero-- e BNG --Ana Pontón--.

Pola súa banda, en virtude da instrución 4/2011, do 24 de marzo, a xunta electoral central determinou que son grupos políticos significativos aquelas formacións que en procesos electorais celebrados con posterioridade ás últimas eleccións equivalentes obtiveron un número de votos igual ou superior ao 5 por cento.

Así, a CRTVG incluíu no seu plan de medios para as eleccións do 12 de xullo a En Común-Anova Mareas (coalición de Podemos, Esquerda Unida e Anova) --Antón Gómez-Reino--, Cidadáns (Cs) --Beatriz Pino-- e Vox --Ricardo Morado Fajardo, número un pola Coruña--.

Ademais do debate a sete proposto polo ente público galego, a CRTVG tamén aposta por realizar outro oito provinciais, catro en formato de televisión e outros tantos a través da Radio Galega. Xunto aos debates, recolle no seu plan de medios un total de 14 entrevistas con candidatos.

O primeiro debate tería lugar o luns 29, ás 21,30 horas, nas instalacións de San Marcos, en Santiago de Compostela. Será accesíbel en lingua de signos en directo pola TVG2 e retransmitido pola Radio Galega e as canles dixitais da CRTVG.

Os debates provinciais serán emitidos en desconexión pola primeira canle o día 1 de xuño e emitidos para toda Galiza en diferente horario pola Galega 2. A Televisión de Galicia fará entrevistas personalizadas acorde cos tempos de representación aos candidatos dos diferentes partidos, que serán emitidas en prime time unha vez terminado o 'Telexornal Serán'.

Comentarios