COMISIóN PERMANENTE NON LEXISLATIVA DE CONTROL DA CRTVG

CRTVG tenta minimizar a denuncia por infracotización á Seguridade Social nas nóminas de traballadores

O director xeral do ente nega no Parlamento “actitude defraudadora” fronte a unha oposición que lle exixía responsabilidades e explicacións. A comparecencia respondía á denuncia da CUT por unha presunta fraude da CRTVG á Seguridade Social superior aos 4 millóns de euros.

Instalacións da CRTVG
photo_camera Instalacións da CRTVG

Coincidiron BNG, AGE e PSdeG no tema das súas preguntas ao director xeral da CRTVG na Comisión permante non lexislativa de control deste ente público no Parlamento galego. Nada raro, por outra parte. A denuncia feita en setembro pasado polo sindicato CUT perante Inspección de Traballo “dunha fraude concretada en diferenzas mensuais de cotización de entre 100 € e 700 € na nómina de cada un do case milleiro de traballadores e traballadoras da empresa nos últimos 4 anos” ten dimensión de abondo para que as tres forzas preguntasen ao respeito.

O director xeral de CRTVG, Sánchez-Izquierdo, dixo na súa comparecencia que “nonn hai actitude defraudatoria” e que, en todo caso, o importe non sría da cuantía denunciada pola CUT senón outras “pouco significativas”. Izquierdo apontou a un erro en relación coa interpretación ou aplicación do Real Decreto Lei 8/2010 como orixe da sitiuación e mesmo sinalou que “non era algo a detectar con facilidade”.

As explicacións non convenceron a oposición. Para Montserrat Prado (BNG), non deixa de ser raro que só a CRTVG interpretase o Real Decreto dunha forma que deu lugar a infracotizacións á Seguridade Social nas nóminas dos traballadores. “Non lle estrañou que ningunha outra institución pública fixese o que vostedes?”, preguntou á vez que lembraba que “houbo consecuencias directas e prexudiciais para cada un dos traballadores afectados, que perceberon prestacións por baixo do que merecían”.

Para Juan Fajardo (AGE), é un “insulto ao Parlamento” que desde a CRTVG se tente apontar a “discrepancias técnicas sobre a interpretación” do Real Decreto a responsabilidade do acontecido. Preguntou Sánchez-Izquierdo que solucións ía dar ao problema e instouno a asumir “responsabilidades”. De por parte, María Burgos (PsdeG) afirmou que o que pasou “non é un erro técnico”.

Denuncia

O sindicato CUT (Central Unitaria de Traballadores) apresentou en setembro unha denuncia contra a Compañía de radio-televisión de Galiza (CRTVG) esta segunda feira en Inspección de Traballo e a Seguridade Social por, segundo sinalaba a central, “unha fraude concretada en diferenzas mensuais de cotización de entre 100 € e 700 € na nómina de cada un do case milleiro de traballadores e traballadoras da empresa nos últimos 4 anos”.

O incumprimento comezou en 2010, informaba a CUT, “coa desobediencia empresarial do mandato do RDLei 8/2010, de 20 de maio, de continuar malia os recortes sostendo a cotización de maio dese ano, cunha tallada ilícita nas cotizacións do conxunto do persoal da empresaque agás excepcións, sofreu unha  importante rebaixa”.
 


 

Comentarios