28-M

A CRTVG cancela o debate electoral de Compostela

Na mañá da segunda feira, a CRTVG anunciaba publicamente que non tería lugar o debate electoral do Concello de Santiago porque só confirmara a súa asistencia un dos candidatos, Borja Verea (PP). Un extremo que desbotan o resto de formacións políticas, que acusan o PP e o ente público de manipular e mentir.

María Rozas, Borja Verea, Xosé Bugallo e Goretti Sanmartín, no debate da Ser (Imaxe: Cadena Ser)
photo_camera María Rozas, Borja Verea, Xosé Bugallo e Goretti Sanmartín, no debate da Ser. (Imaxe: Cadena Ser)

Na mañá desta segunda feira, 22 de maio, as candidatas e candidatos á Alcaldía de Compostela estaban chamados a participar no debate electoral organizado pola Cadena Ser no Salón Teatro, no marco da programación sobre os comicios municipais da emisora radiofónica.

Un debate ao que acudiron o actual alcalde e candidato do PSOE, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Compostela Aberta e alcaldábel María Rozas; a portavoz do BNG no Concello e candidata á Alcaldía, Goretti Sanmartín, e mais o cabeza de lista do PP, Borja Verea.

Os catro aspirantes á Alcaldía confirmaran a súa asistencia ao debate da Ser, cuxa organización foi anunciada o 17 de marzo. Porén, o Plan de cobertura informativa da CRTVG, dado a coñecer máis dun mes despois, programaba o debate electoral para a mesma mañá que o da Ser.

A coincidencia levou as formacións políticas afectadas a solicitar ao ente público unha solución tendo en conta que o da Ser ía desenvolverse con público, no Salón Teatro. De feito, o PSOE chegou a presentar perante a Xunta Electoral un recurso contra o Plan de cobertura informativa da CRTVG, ao que tivo acceso Nós Diario, que foi tombado no día de onte.

O malestar de PSOE, CA e BNG chegou unha vez tiveron coñecemento de que, mentres o candidato e as candidatas participaban no debate público da Cadena Ser, a CRTVG informaba en directo de que non se puidera realizar o debate electoral no ente público porque só confirmara a súa asistencia o alcaldábel do PP, Borja Verea.

Borja Verea confirmara a súa asistencia ao debate da Ser

Precisamente, esta mañá, Verea emitía un comunicado aos medios en que “lamentaba” a cancelación do debate na CRTVG que ía ter lugar ás 10 horas “ao ser o único candidato que confirmou a súa asistencia”. Mais, segundo puido saber Nós Diario, Borja Verea confirmara desde o primeiro momento que participaría no debate da Ser e non prevía asistir á cita organizada pola CRTVG, que non ofreceu alternativa para poder realizar o debate ben noutra xornada, ben con candidatos e candidatas que non fosen cabeza de lista ou ben gravándoo.

O BNG denuncia "mentiras e manipulacións do PP e a CRTVG"

Nun comunicado de prensa, o BNG denunciou "a mentira e manipulación do PP e da CRTVG" á hora de xustificaren a cancelación do debate electoral de Santiago. "Segundo fixeron constar, só confirmara a súa presenza Borja Verea cando, en realidade, tiña confirmado desde había máis dun mes a súa asistencia ao debate da Ser que se realizaba de maneira simultánea", expón a formación nacionalista.

En relación ao feito de que a CRTVG elixira o mesmo día que a Ser para realizar o debate, o BNG explica que "desde o primeiro momento, notificouse desde o BNG á CRTVG a situación pero negouse a facer ningún cambio, cando existía constancia de que os catros grupos políticos, incluído o do PP, tiñan previsto participar no debate da radio de Santiago".

"Que a CRTVG diga en directo que Borja Verea ía estar no seu debate e non foi porque os outros candidatos e candidatas declinaron participar é unha mentira e unha clara manipulación e demostra que están ao servizo do PP", engaden as nacionalistas, que anunciaron a presentación dunha denuncia deste feito ante a Xunta Electoral Provincial.

Comentarios