Máis sobre a 'crise Quinteiro'

O sector crítico a Villares ve o proceso revogatorio máis garantista que a consulta

Defenden a continuidade da parlamentar, mais argumentan que no caso de a submeter á consideración das bases o procedimento que reúne "máis garantías" é o proceso revogatorio e non a consulta telemática que propón Villares.

Plenario de En Marea. 17 de decembro de 2016.
photo_camera Imaxe dun dos plenarios de En Marea

O proceso revogatorio -un procedimento para unha parlamentar ser afastada do seu cargo- sería o indicado no caso de se querer submeter a debate das bases da confluencia a continuidade ou o abandono de Paula Quinteiro, a parlamentar de En Marea (Podemos, corrente Anticapitalista) que se viu envolvida nun incidente nocturno coa policía local de Compostela. Así o manifestaron a Sermos Galiza fontes do sector crítico con Luís Villares. "Nós defendemos que este asunto está fechado desde que Paula deu explicacións, pediu desculpas e condenou con clareza os actos vandálicos, mais no caso de que se quixese pulsar a opinión das persoas inscritas o procedimento que reúne mellores condicións, o máis garantista, non é a consulta, senón o proceso revogatorio", dixeron as mesmas fontes a este diario dixital.

O procedimento do proceso revogatorio ficou estabelecido nos Documentos Base da confluencia aprobados na súa asemblea de xullo de 2017. En concreto, aparece regulado no epígrafe Forma de Goberno, no apartado Estrutura e Organización do Grupo Parlamentar. Está previsto para a eventualidade de se apreciar "un incumprimento grave e reiterado do Código Ético" e prevé a retirada do apoio "da organización" a "calquera membro do Grupo Parlamentar" se este ou esta incorrer "nun afastamento manifesto das liñas políticas" da confluencia.

A posta en marcha do procedimento de revogación é unha decisión que lle corresponde en exclusiva ao plenario, e non ao Consello da Marea (que si, en troca, pode convocar unha consulta telemática, a opción na que aposta Luís Villares). A convocatoria do plenario para a revogación dun cargo eleito exixe un quórum enormemente cualificado: no mínimo o 25 por cento do censo das persoas inscritas (neste momento En Marea tería por volta de 2.400). Unha vez que se realice esa petición, o plenario -máximo órgao do partido instrumental, equivalente a unha asemblea nacional ou a un congreso- resolvería o procedimento. Mais tamén aí se exixen maiorías de envergadura: "Esa decisión [de retirada do respaldo da organización á parlamentar] deberá ser adoptada polo Plenario cun apoio de, cando menos, 60 por cento dos que emitan voto, sempre que emita voto un mínimo de 50 por cento das pesroas inscritas no momento no que se inicie o proceso".

Isto último significa que para a resolución do plenario cumprir coas previsións estatutarias na asemblea de En Marea se terían de reunir (e terían de votar) no mínimo 1.200 persoas, cando na última cimeira da organización apenas se deron cita 250 persoas, ao ter sido abertamente boicotada polos sectores críticos.

O procedimento revogatorio contempla a elaboración dun informe por parte da Comisión de Garantías e a audiencia perante ela da "persoa afectada". O órgao xudicial interno da confluencia decidiría sobre a pertinencia da práctica das dilixencias solicitadas pola parlamentar obxecto do proceso.

No caso de o plenario resolver a prol da revogación, a "persoa afectada" será requirida "para que deixe o seu posto". De non o facer, deberá "necesariamente" abandonar o grupo parlamentar.

Máis garantista

Para o sector da organización crítico con Villares (EU, Podemos, a Anova oficial e as marés da Coruña, Compostela e Ferrol), este procedimento é máis garantista dos dereitos de Paula Quinteiro do que a consulta telemática á que apela Luís Villares. Neste proceso Villares tería moita menos marxe de manobra, ao recaír todas as competencias no plenario e non no Consello da Marea -órgao en que o portavoz da confluencia si dispón da maioría e que si, en troca, ten a faculdade de convocar referendos internos.

Web de En Marea

Na web da confluencia non se acha a totalidade dos Documentos Base aprobados no plenario de Vigo de xullo de 2017. Si aparece o procedimento para a realización das consultas -dentro do epígrafe Organización Interna-, mais non así o do proceso revogatorio -incluído no rótulo xenérico de Forma de Goberno.

Fontes da organización non souberon explicar a Sermos por que a web non disponibiliza todos os documentos aprobados no plenario de xullo de 2017.

Incumpre Paula Quinteiro o Código Ético?

O proceso de revogación está previsto para casos de "incumprimento grave e reiterado" do código ético. Este conxunto de normas que regularían o comportamento das representantes institucionais da confluencia ten un apartado (o 3.4.) intitulado Renuncia a privilexios, agasallos e tratos de favor. Nel -alén de se falar de privilexios en forma de presentes ou retribucións e prestacións complementares- estabelécese que os cargos do partido instrumental renunciarán ao "aforamento ou calquera outro privilexio procesal". Non sería neste momento de aplicación a Quinteiro, pois as pesquisas policiais non teñen resultado até o de agora en ningunha imputación contra ela.

Nengún dos outros aspectos contemplados no Código Ético de En Marea -o compendio de normas vai desde a evitación das 'portas xiratorias' até a redención de contas e a transparencia sobre a situación económica e financiera das representantes da confluencia- terían nada a ver coas circunstancias en que se viu envolvida Paula Quinteiro na noite compostelá do 17 ao 18 de marzo.

Comentarios