MAR DE FONDO QUERE DISTANCIARSE DE ANOVA

Críticos de Podemos ven moi grave que o pacto de En Marea se fixera en Madrid de costas a Breogán Riobóo

Bases Podemos, organización crítica da formación liderada por Pablo Iglesias, considera “moi grave” que o pacto polo cal En Marea pasou a formar parte do grupo parlamentar de Podemos tivera lugar en Madrid de costas a Breogán Riobóo.

Pablo Iglesias
photo_camera Pablo Iglesias

Neda acolleu na tarde da sexta feira, 20 de xaneiro, unha asemblea de Podemos na que, durante unhas cinco horas, máis de 70 persoas debateron arredor da existencia de En Marea e da crise interna que sofre a formación política após das destitucións ordenadas por Breogán Riobóo na Executiva desta formación política.

Entre as voces críticas da reunión atopábase a de Bases Podemos, que reivindicou “corrixir os defectos da experiencia de En Marea, como son os pactos ocultos ou pactos de despacho”. Carlos Del Río, portavoz desta organización, que abrangue o maior número de militantes críticos, apunta en declaracións a Sermos Galiza que “non se deben facer as cousas como se fixeron. Non se contou toda a verdade. O propio Breogán Riobóo non coñecía o pacto polo cal os deputados e deputadas de En Marea pasaron a formar parte do grupo parlamentar de Podemos”. “O pacto fíxose en Madrid, de xeito moi privado, entre Anova, Podemos e IU e de costas a Breogán. Que o secretario xeral de Podemos en Galiza non tivera coñecemento do pacto considerámolo moi grave”, engade.

"O pacto fíxose en Madrid, de xeito moi privado, entre Anova, Podemos e IU e de costas a Breogán"

Respecto da crise interna aberta en Podemos a raíz das destitucións, Carlos Del Río afirma: “as explicacións que deu Breogán son insuficientes”. Admite que atopou o secretario xeral de Podemos “afectado”. “Creo que lle pasou factura o tema das xerais e quixo reaccionar ante esa forma de facer as cousas. Persoalmente, ten que afectarlle o feito de non coñecer o pacto de En Marea, pero non entendo que reaccione dicindo que Podemos debe concorrer só ás eleccións galegas”.

Mar de Fondo aposta en distanciarse de Anova

Mar de Fondo é outra das correntes críticas que xurdiron no seo de Podemos na Galiza. As persoas que forman parte deste colectivo entregáronlle a Breogán Riobóo na reunión de Neda un manifesto no que piden que Podemos se distancie de Anova. Bases Podemos decidiu non adherirse ao manifesto porque “non é o momento dunha división nin de concorrer en solitario ás eleccións galegas”. “Estamos na liña dunha confluencia máis ampla”, subliña Carlos Del Río.

"Visto o que están facendo desde Madrid... non sabemos se hai máis pactos ou un pacto para as eleccións galegas"

“Visto o visto... visto o que están facendo desde Madrid... non sabemos se hai máis pactos ou un pacto para as eleccións galegas”, advirte o portavoz de Bases Podemos, quen afirma que “son capaces de modificar o que sexa para lle dar validez á reedición de En Marea”. A reedición da coligazón non convence Bases Podemos, que aposta nunha confluencia máis ampla, “temos que ser máis abertos”.

“No que practicamente houbo unanimidade na reunión foi en que non se pode repetir En Marea tal e como foi: uns por querer ir sos e outros por querermos facer a confluencia máis ampla”, conclúe o portavoz da corrente crítica.

Na asemblea, na que se fixo balanzo da campaña de En Marea, así como dos resultados, e dos posíbeis escenarios que se darán de cara ás eleccións galegas, non estaban presentes os deputados Antón Gómez Reino e Ángela Rodríguez.

Comentarios