Os críticos inician a ofensiva final para poñer unha nova xestora á fronte do PSdeG

Ferraz estuda a proposta remitida por este sector, que pasa por afastar Pilar Cancela e situar no órgano os presidentes das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, así como o actual portavoz parlamentar. A fenda entre os socialistas alárgase.

abel caballero Imaxe Concello de Vigo
photo_camera Abel Caballero. Imaxe: Concello de Vigo

Ferraz ten nas súas mans a proposta remitida desde o sector do PSdeG crítico coa actual xestora e nomeadamente coa súa presidenta, Pilar Cancela. Unha proposta cociñaba baixo a atenta mirada do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que após o comité federal onde se defenestrou Pedro Sánchez semella que optou por ser cara visíbel na Galiza do sector que tomou Ferraz.

A estratexia do sector crítico pasa por afastar Pilar Cancela e situar no seu posto á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que xa anunciou que está a disposición do partido para o que este dispoña. Na proposta proponse tamén os outros dous presidentes socialistas de deputacións, Valentín Gonzlález (A Coruña) e Darío Campos (Lugo) para que formen parte no organismo.

Hai, entre os que se poñen á actual xestora, tamén quen recea do protagonismo e manobras de Abel Caballero

Outros nomes son os do actual portavoz parlamentar e candidato do PSdeG nas autonómicas do 25 de setembro, Fernández Leiceaga, e o dos secretarios provinciais dos socialistas. O ex-alcalde compostelán Sánchez Bugallo, Mar Barcón ou Marisol Soneira tamén figuran nesa lista remitida a Ferraz.

Desmarque

Porén, varios cargos socialistas incluídos nesta proposta xa manifestaron que non queren facer parte da mesma e recelan do protagonismo que está a ter o socialismo vigués, concretado en Abel Caballero, ao que se sinala como localista e populista desde certos sectores do partido. “Está a facer un dano terrible ao PSOE, é un mal alumno de Paco Vázquez”, manifestou un alcalde socialista.


 

Comentarios