Críticos de Anova piden unha asemblea extraordinaria que anticipan será de "confrontación" con quen "nunca acreditou no proxecto orixinario"

Formalizan a existencia dun colectivo interno e fixan como obxectivo resgatar o proxecto político fundacional que, din, foi "secuestrado". 

[Imaxe arquivo, Anova]
photo_camera [Imaxe arquivo, Anova]

O sector crítico de Anova acordou o sábado (5 de abril) en Compostela auto-organizarense no seo de Anova. As persoas que no seu momento representaron a sensibilidade maioritaria na organización liderada por Xosé Manuel Beiras están agora fóra dos órgaos de dirección política e procuran coa creación dun denominado "grupo politico de transición" resgatar o "proxecto político xenuíno". 

Así o aseguran no manifesto asinado por arredor de 35 militantes na xuntanza que tivo lugar esta fin de semana na capital galega. O obxectivo fundamental deste colectivo será pular pola convocatoria dunha asemblea nacional extra-ordinaria após as eleccións ao Parlamento europeo. A súa grande crítica é que, segundo afirman, a actual dirección --liderada polo sector de Martiño Noriega-- ten "secuestrado" o proxecto de Anova e está a servir aos intereses de Izquierda Unida en Galiza.

@s críticos afirman que o sector oficial ten "secuestrado" o proxecto de Anova e está a servir os intereses de IU en Galiza

Neste senso, apuntan, traballarán para "promover unha Anova soberana, sen dependencias alleas" que pule, acrecentan, polo "necesario entendemento estratéxico entre o nacionalismo e a pluralidade de forzas políticas". Reclaman unha militancia exclusiva que free "as dinámicas esterilizadoras e centrífugas" que producen, din, "a existencia de grupos políticos" convertidos nos "verdadeiros ámbitos de decisión". 

A asemblea do Salnés valora abandonar Anova e non participará na campaña electoral

As críticas á aposta en Izquierda Unida para concorrer ás eleccións europeas non fica aí. Após a disolución da asemblea de Moaña e a saída de Anova de nomes como o de Concha Trigo --que integraba a Coordenadora eleita na I Asemblea Nacional-- agora é a asemblea do Salnés a que valora abandonar o proxecto liderado por Xosé Manuel Beiras. 

Nun comunicado remitido aos medios de comunicación, afirman que a súa decisión resulta de non partillaren "a deriva" da actual dirección política cara a converteren AGE na "izquierda federal del noroeste". Desde o Salnés coidan que a concorrencia na lista de Izquierda Unida ás europeas supón converter "AGE nunha marca eleitoral ao servizo único da implantación de IU en Galiza", polo que, decidiron "non participar na campaña electoral". 

Asemade, anuncian que abrirán "un período de reflexión" para decidiren se "é posíbel continuar ou non" en Anova pois, din, "non representa o noso proxecto nen as nosas ideas". 

Comentarios