Santiago de Compostela

A oposición critica o tapiado da dársena de Xoán XXIII: "Bugallo só quere ocultar a pobreza diante dos turistas"

BNG, Compostela Aberta e PP opóñense á decisión de tabicar un lugar frecuentado por persoas sen fogar que buscan refuxio durante a noite, e instan o Goberno local a adoptar "máis medidas sociais" para reducir a taxa de pobreza na capital galega.
A dársena é frecuentada por persoas sen fogar. (Foto: Compostela Aberta)
photo_camera A dársena é frecuentada por persoas sen fogar. (Foto: Compostela Aberta)

O tapiado da dársena do aparcadoiro de Xoán XXIII, en Santiago de Compostela, lugar próximo á Catedral e que de forma habitual serve de refuxio nocturno para persoas sen fogar, propiciou a polémica na capital galega, onde os tres grupos da oposición criticaron nos últimos días esta actuación.

Nesta localización, que supón tamén un dos principais puntos de entrada de turistas na cidade, era habitual ver tendas de campaña ou cartóns no chan utilizados por persoas sen fogar que pasaban alí a noite. Alén da proximidade á Catedral, áchase perto da sede de Cáritas, que traballa co colectivo. O Goberno que dirixe o socialista Xosé Sánchez Bugallo propúxose, e levou á Comisión de Patrimonio, un proxecto para mellorar as condicións da zona.

PSdeG e PP votaron a favor, e BNG e Compostela Aberta abstivéronse. Con todo, unha vez empezada a obra, os tres grupos da oposición incrementaron as súas críticas. Así, Compostela Aberta sinalou en días pasados que estas accións son "semellantes" ás que no ano 2013 acometeu Gerardo Conde Roa —daquela alcalde popular de Santiago—, instalando macetas para tentar que as persoas máis vulnerábeis deixasen de usar ese lugar.

A portavoz municipal desta formación, Marta Lois, lamentou que con estas obras Bugallo "recoñece abertamente que o obxectivo é mellorar a imaxe da cidade diante dos turistas" e que "non pensa en mellorar a situación das persoas". Aliás, incidiu en que o concelleiro de Obras, Javier Fernández, está a presentar o proxecto mentres que a responsábel de Políticas Sociais, Mila Castro, "está desaparecida".

Lois pediu a Castro que "explique que vai pasar co diñeiro" proveniente dun fondo europeo para levar a cabo a proposta de Compostela Aberta para a creación dun Centro Municipal de Atención Integral para persoas sen fogar. Sinalou que "os fondos europeos seguen parados e as persoas sen fogar non recibiron as solucións que necesitan".

Pola súa parte, a portavoz do BNG, Goretti Sanmartín, na mañá desta sexta feira subliñou, a través dun comunicado, que a formación nacionalista está "en contra" desa obra. De feito, vincúlao coa "intención de aparentar que non existe pobreza, marxinación e que hai xente que non ten un sitio onde durmir".

No mesmo marco de denuncia, Sanmartín urxiu o Goberno local a adoptar "máis" medidas sociais para reducir a taxa de pobreza na capital galega. A formación reclamou un Plan de integración social para que a xente deixe de durmir na rúa e pediu ao Executivo de Sánchez Bugallo que expoña cal é a planificación para a integración deste colectivo.

Ao mesmo tempo, o PP local, que lidera Borja Verea, afirmou recentemente que "erguer un muro de cemento para botar fóra estas persoas non arranxa nada" e trasladou que esta problemática é "moi seria". Verea remarcou que estes feitos "son o recoñecemento dunha falta de sensibilidade e humanidade".

Tamén sentenciou que "pór un muro na dársena de Xoán XXIII só servirá para trasladar o problema a outro punto da cidade" e preguntouse, tras a creación destes refuxios noutros lugares, "que será o seguinte". "Outro muro? Unhas concertinas?", lamentou, en alusión ao valo de Melilla.

Comentarios