O PSOE continúa cun apoio electoral superior a 31% mentres o PP cae até 18%, segundo o Barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de setembro.
A sondaxe dá unha lixeira baixada aos de Pedro Sánchez respecto do CIS de xullo (32,4%) pero unha importante suba tendo en conta o 28% recollido nas últimas eleccións estatais.
Unidas Podemos fica neste novo estudo cunha intención de voto de 12,2%, co que sería terceira forza, e non Vox, que queda en 11,7%. Os de Pablo Iglesias pasan 3,5 puntos por riba de xullo e póñense así cada vez máis perto do resultado da última cita coas urnas (12,84%).
A enquisa constata a liña ascendente de Ciudadanos, que lograría un apoio de 10,6%. Vox, que é o terceiro grupo da Cámara actualmente, continúa a súa senda descendente no CIS, que lle concede 11,7% e sitúa a dereita laranxa pisándolle os talóns.
O resultado do estudo coloca en 13,4 puntos a vantaxe do PSOE respecto ao PP, a maior desde os comicios estatais. E é que, segundo os cálculos do CIS, aínda que 10,5% xa está decidido a votar polo partido de Pablo Casado, a súa estimación de voto queda en 18,1%, a súa peor marca desde as estatais, onde colleitaron 20,8%.
O BNG consolida o medre
O Bloque Nacionalista Galego, que conseguiu 0,5 % de voto nas pasadas eleccións estatais e recuperou presenza nas Cortes, consolida o seu medre de apoio, repetindo o 0,8% que xa lle dera o CIS de xullo, logo de que en xuño rexistrase un lixeiro ascenso (0,6%). Entre os partidos nacionalistas, ERC repite o último CIS con 2,8%, Junts anótase 1,7%, o PNV ten 1,2%, EH Bildu logra 0,8%, e CUP obtén 0,6% de voto.
A nova enquisa está baseada en 2.904 entrevistas telefónicas realizadas nun total de 1.082 municipios e 50 provincias entre os días 1 e 7 de setembro.
Sánchez suspende
En canto á valoración das e dos políticos, todos os líderes de partidos estatais suspenden, mesmo o do PSOE, a pesar de este partido aumentar en apoios.
Así, Pedro Sánchez, malia seguir á cabeza, non pasa do 4,6 de nota, seguido de novo por Inés Arrimadas, con 3,7.
O terceiro líder mellor valorado é Pablo Iglesias, con 3,3, adiantando así o popular Pablo Casado, que queda con 3,2 de nota, unha das súas peores cualificacións. O suspenso máis severo lévao de novo o voceiro de Vox, o ultraespañolista Santiago Abascal, ficando con 2,3.