Choque coa Comisión de Garantías e confusión máxima

A crise de En Marea agrávase após o comité electoral non aceptar a suspensión das primarias

Unha situación sen precedentes. Unha Comisión de Garantías que decreta a suspensión das primarias a escasas horas de que comece a votación por apreciar irregularidades arredor da confección do censo. Un Comité Electoral que non acepta o ditame do órgao que debe velar polo proceso e afirma que as primarias continúan de acordo co calendario previsto, entre este sábado e a próxima segunda feira, 1 e 3 de decembro. En Marea debrúzase sobre o abismo, á beira da ruptura. A confusión é total e absoluta.

plenario en marea
photo_camera Plenario de En Marea do 27-O.

A tensión é máxima no seo da confluencia. O Comité Electoral respondeu en comunicado de imprensa á suspensión das primarias decretada pola Comisión de Garantías. Este órgao está na órbita do actual líder da confluencia, Luís Villares, en tanto que aquel é claramente afín ao sector crítico.

O conflito está servido e neste momento a confusión é extraordinaria. A Comisión de Garantías afirma que o responsábel legal do censo perante a Axencia Española de Protección de Datos, Gonzalo Rodríguez, non puido acceder ao listado de persoas inscritas durante un lapso de no mínimo 24 horas. Alegaba tamén que as persoas inscritas non coñecían os lugares de votación. Non existían por tanto garantías de limpeza do proceso e este era aprazado sine die á espera dunha auditoría.

A cuestión clave é o incremento espectacular experimentado polo censo, máis de 1.500 altas, durante o tempo transcorrido entre o plenario do pasado 27 de outubro e as datas axendadas para a votación nestas primarias.

O sector oficial viu detrás deste aumento a mobilización masiva de efectivos da organización, Podemos, que en teoría dispón dun maior exército de persoas inscritas. A forma en que engordou o censo é posta agora en cuestión.

O Comité Electoral rexeita as alegacións da Comisión de Garantías e afirma que as primarias continúan adiante, co calendario previsto.

Comentarios