venres 24/09/21

A crise económica centra a sesión de control no Parlamento

2.947 industrias fecharon entre 2009 e 2019
Sesión de control no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)
Sesión de control no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)

A crise económica mandou na sesión de control no Parlamento da Galiza ao presidente da Xunta. A xefa da oposición, Ana Pontón, preguntou a Alberto Núñez Feixoo polas medidas previstas polo Goberno galego diante da “crise industrial e a perda de emprego que vive a Galiza”. Pola súa banda, o voceiro socialista, Gonzalo Caballero, interpelou o mandatario galego a respecto do plan da Xunta para reactivar a economía xerando emprego despois dos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do primeiro trimestre de 2021.

Sector industrial

Pontón comezou a súa intervención lembrando a Feixoo que “entre 2009 e 2019, a Galiza perdeu 27.000 empregos no sector industrial, un período onde fecharon 2.947 industrias”. Neste sentido, destacou que “o proceso de desertización industrial é anterior á pandemia” e puxo o foco naquelas compañías que actualmente están atravesando graves dificultades. “A súa folla de servizos en materia industrial resúmese na falla de política para este sector e na súa incapacidade para defender os intereses da Galiza”, espetou Pontón a Feixoo.

A portavoz do BNG acusou Feixoo de ter como “única política industrial” a das “portas xiratorias e de salvar Ence” e criticou o Goberno galego por deixar as decisións en materia económica en mans de “Abanca, Naturgy e Reganosa”. A dirixente nacionalista apostou para facer fronte á crise industrial, impulsar unha tarifa eléctrica galega, frear o proceso de deslocalizacións e destinar o diñeiro procedente fondos Next Generation ás pequenas e medianas empresas.

Caballero demandou ao presidente galego “un plan de medidas para facer fronte á crise”, referiuse á situación delicada no sector servizos e no industrial e denunciou “os problemas no emprego e na negociación colectiva, como acontece coa folga da limpeza na Coruña”. A este respecto, reclamou “un plan de reapertura para aqueles negocios obrigados a fechar durante a pandemia, un plan de emprego para a mocidade galega e consenso no reparto dos fondos Next Generation”. 

O "rodete" do PP

O portavoz dos socialistas sinalou que “o rodete do PP non pode estar nun pedestal, ten que tocar terra”. “Vostede é o máximo responsábel da crise na Galiza”, sinalou Caballero, quen puxo de manifesto que a realidade de Feixoo é “ficticia”, igual, dixo, que “a súa credibilidade cando reclama agora un estado de alarma”. Ao tempo, lembroulle ao mandatario galego que “Galiza contaba en 2009 con 1,159 millóns de ocupados e que 2019 esa cifra se reducía ao 1,096 millóns”.

Feixoo recoñeceu a Pontón estar “preocupado pola situación económica” do “meu país”, mais culpou socialistas e nacionalistas da crise industrial. Nese sentido, afeoulle ao BNG a súa posición favorábel ao traslado de Ence da ría de Pontevedra e de que “cando hai un parque eólico en proxecto en calquera localidade do país, hai unha plataforma liderada polo BNG para oporse ao mesmo”. “Vou seguir defendendo os empregos no país e unha economía especializada na industria, que actualmente significa 16% do Produto Interior Bruto”, sinalou Feixoo.

O presidente da Xunta da Galiza, na resposta a Caballero, sacou peito da súa xestión económica en contraposición coa acción do Goberno de Pedro Sánchez. “A economía galega funcionaba ben até a pandemia, medraban as exportacións, baixaba o paro e aínda hoxe a economía galega resiste mellor que a media española”, recalcou Feixoo.

comentarios