É críbel que haxa un 30% de persoas indecisas?

É un rito de todas as campañas, que se produce con maior ou menor intensidade de acordo coa importancia do que está en xogo. O mito das persoas indecisas nos inquéritos. Un mito conveniente para as empresas que realizan as sondaxes. Se acertan os resultados o día D, elas gañan. Que non acertan, a culpa é das indecisas e dos indecisos, que facían voláteis os prognósticos. Tendo a non acreditar na existencia dunha masa tan volumosa de persoas que a estas alturas non teñen decidido o seu voto. Outra cousa é que digan realmente o que pensan aos pesquisadores. Outra cousa é o que fan os cociñeiros coas enquisas.

Albert Rivera en LaSexta, municipais 2015
photo_camera Foto de Albert Rivera tirada de Youtube

O diario ARA informou hai poucos días de que sectores do Partido Popular están convencidos de que o lanzamento de Ciudadanos foi precedido por un inquérito inventado por un meio de comunicación de prestixio. Unha sondaxe que fabulaba sobre un inédito cuádruple empate técnico entre PP, PSOE, Podemos e a forza emerxente de Albert Rivera, e que colocaba a nova marca da dereita española no centro do palco, pronta para disputarlle a hexemonía conservadora ao partido fundado por Fraga.

Reparemos nisto: funcionarios do PP, que supoño saben ben do que falan, daban pábulo á hipótese de que directamente se poden inventar enquisas, inventar ou cociñalas de tal xeito que haxa anos luz entre os ingredientes primixenios e a preparación final que se emprata e se serve na mesa aos clientes.

Claro que as mentiras teñen as patas ben curtas. Se se disparan expectativas demoscópicas e logo estas non se cumpren, como se xustifica iso ex post ante a opinión pública??? Moi doado: apelando ao mito das persoas indecisas. E xa se sabe: canto maior sexa o grao de manipulación previa, maior necesidade hai de inflar o mito da indecisión.

As mentiras teñen as patas ben curtas. Se se disparan expectativas demoscópicas e logo estas non se cumpren, como se xustifica iso ex post ante a opinión pública???

En campaña hai outro lugar común que é contraditorio coa lenda da indecisión: o de que durante os 15 días regrados de mitins e repartos de folletos nas rúas, só se decide un 5% do voto final. Ou sexa, que a indecisión apenas se despexa na campaña. Ou sexa, que a indecisión non pode ser tanta.

Sei perfeitamente que pode haber un continxente de eleitoras e eleitores que aínda a estas alturas, cuarta feira 20 de maio, non saiban ben que votar o 24 de maio, mais teño a impresión de que a percentaxe de indecisión é ben inferior á dese leque entre o 35% e o 40% en que a cifra o diario matritense El País. Certo é que no trinque hai desta volta máis ofertas do que de costume e que esa pluralidade pode espertar máis dúbidas entre as cidadás e os cidadáns, mais é tamén verdade que as novidades xa son relativamente coñecidas e os estudos sociolóxicos disponíbeis concordan en sinalar que as preferencias do eleitorado costuman seren bastante estábeis e non se trastocan dun día para outro, por moito que as estrelas emerxentes colonicen o prime time televisivo.

Fican apenas 3 días de campaña. As forzas políticas vanse empregar a fondo. Un 5% arriba, un 5% abaixo, a percentaxe que si se pode mover nestes días, é un mundo. Moitas veces é o que afasta o suceso do fracaso. Esa é a historia desta campaña e de todas as que a precederon. E se vos serve de algo, pódovos dicer que no ambiente no que me movo -assaz plural, por outra banda-, non vexo ningunha indecisión. Todo o mundo sabe ben que quere que pase o 24M. Outra cousa é que non todo o mundo me confidencia que vai facer finalmente. A xente évos así de discreta.

Comentarios