O PRESUNTO ARTíFICE DA OPERACIóN ZETA DI DE PACHI LUCAS: "VIVE EN MONTE PíO áS VECES"

Crespo acusa a Feijóo de advertir ao "conseguidor" que tiña o telefone pinchado

Gerardo Crespo continúa a ter o PP no albo. O presunto artífice da operación Zeta acusa a Feijóo de ter alertado o seu "amigo íntimo" de que estaba a ser investigado pola policía. Crespo di que Pachi Lucas "vive en Monte Pío [a residencia oficial do presidente da Xunta] ás veces".

touradas 2
photo_camera De esquerda a dereita, Feijóo, Louzán e Pachi Lucas, nas touradas en 2011. FOTO: ÓSCAR CORRAL. El País.

Segundo o relato oferecido por Gerardo Crespo nunha entrevista emitida este domingo no circuíto galego da SER, o presidente do Goberno galego tería entorpecido unha investigación policial ao advertir ao seu "amigo íntimo" Pachi Lucas que tiña o telefone pinchado.

Crespo -militante do PP desde os 18 anos, e que declara ter sido recentemente expulsado do partido- confésase "defraudado" polas actitudes "desleais" de tres dirixentes da formación conservadora: o alcalde da Coruña, a conselleira Bea Mato e o presidente do goberno galego.

Crespo nega todo, anuncia unha querela contra Bea Mato e teme que a Xunta faga desaparecer "os expedientes das miñas empresas e dos meus cursos"

De Feijóo dixo literalmente: "Se eu teño no cadro de persoal o seu mellor amigo, o seu mellor amigo, o seu mellor amigo [repíteo até dúas veces, pondo moito énfase], que vive en Monte Pío ás veces, dorme alí, moitas noites, o mínimo é avisarme, oes!, tes o telefone pinchado, cambia de telefone, descolócate, porque eles avisaron a Pachi Lucas, desmarcáronse de min, revocándome os cursos que tiñamos en marcha e deixaron de collerme o telefone".

"Estou na bancarrota"

Isto é, sempre segundo o testemuño de Crespo, a razón que explica que Pachi Lucas fose alertado de que estaba a ser investigado é a súa íntima amizade con Feijóo, privilexio do que el non tería gozado. Non só rachou a súa relación Lucas con Crespo, tamén o fixo a administración galega. Destarte, a facturación da Xunta coas empresas da trama pasou de 1,9 millóns de euros en 2011 a apenas 36.000 euros en 2012. "Estou na bancarrota", declara o empresario.

O sumario instruído polo xulgado número 6 da Coruña apunta a que a trama de Crespo obtivo arredor de 20 millóns de euros en contratos públicos durante o período 2008-2012 (15 millóns de euros por parte da Xunta e 5 por parte do Estado). Segundo as investigacións, ese diñeiro foi entregado a cambio de cursos de formación para parad@s que ou ben non se facían ou se levaban a termo con irregularidades.

Crespo nega todo, afirma que os cursos si que se fixeron, anuncia unha querela contra a conselleira de Traballo, Bea Mato, e declara o seu temor a que a Xunta faga desaparecer os "expedientes das miñas empresas e dos meus cursos".

Vostede financiou o PP? Esa será das primeiras perguntas que contestarei á xuíza

Inquerido a respeito de se as súas empresas financiaban o PP, Crespo garantiu: "Esa pergunta será das primeiras que contestarei á xuíza". Non negou o apunte contábel segundo o cal tería transferido 17.000 euros ao PP galego e dixo: "Si, si, figuran, seino [que figuran no sumario]. Confirmarei a quen llos dei e quen os recibiu".

Comentarios