luns 28/09/20
“PARA [email protected] NóS” É VIRAL

Creatividade e identidade propia, marcas dos vídeos de Nós, Candidatura Galega

Quen non viu a estas alturas o vídeo de Nós, Candidatura Galega  no que se recolle o bico entre Jorquera e Callón para reivindicar as liberdades sexuais e os dereitos de todos e todas? Esta peza forma parte da campaña creativa da coligazón. Descubrimos que hai detrás da idea.

Creatividade e identidade propia, marcas dos vídeos de Nós, Candidatura Galega

A pasada quinta feira, Nós, Candidatura Galega publicaba o vídeo “Para [email protected], nós”, unha peza que se converteu en viral e que saltou ás páxinas dos xornais e ás televisións do país por recoller a imaxe do portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, bicándose co cabeza de lista pola Coruña, Carlos Callón. Tamén deixaba ver a candidata Isa Risco bicándose con Navia Rivas.

“Non esperabamos tanta acollida, nin sequera as previsións máis optimistas”, sinala en declaracións a Sermos Galiza Marcos Paino, responsábel da edición e do son destes vídeos. “Converteuse nun vídeo viral. O feito de que haxa fakes da peza é un indicador do éxito que colleitou”, engade.

“Para [email protected] nós” foi o primeiro dunha serie de pezas audiovisuais que a coligazón da que forma parte o BNG lanza cada día. Após este vídeo, publicouse “Para [email protected], nós”, unha peza que reivindica a autenticidade e no que aparece o candidato ao Senado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, “Mini”, no medio de rapaces coa estética propia dos hipster.

A continuación, Nós lanzou o vídeo “Para [email protected] nós”, coa idea de ilustrar que é de Galiza quen quere e non quen nace aquí. Nesta peza, aparece Cheikh Faye, senegalés que forma parte da candidatura, cunha bandeira da Patria pintada na cara.

A última das pezas publicadas é a protagonizada pola cabeza de lista por Pontevedra, Carme Adán, que reivindica o valor da terra, do natural e do propio de Galiza.

A partir desta segunda feira, Nós parodiará grandes discursos do cinema cunha nova xeira de vídeos

“Adiántovos que mañá –esta segunda feira, 30 de novembro- encetamos unha nova tirada de vídeos nos que parodiamos grandes discursos do cinema”, sinala Marcos Paino, quen explica que a idea destes micro vídeos “xurdiu nunha reunión de campaña na que se acordou que fose comedida en medios pero orixinal e o máis creativa posíbel”.

Sobre a súa produción, Marcos Paino pon de manifesto que dirixen as pezas entre todos e todas. “O máis gracioso é que non nos dedicamos a isto. Ás veces, as gravacións son caóticas, mais son divertidas e, a vista do resultado, funcionan moi ben”, salienta. “Boa parte dos guións débense a Isa Risco –actriz e candidata- que, amais de crear bo ambiente nas gravacións, fai de todo, desde a interpretación até o atrezzo”, engade.

Xavier Campos: “Buscamos unha campaña coa que a xente se vincule e se recoñeza nela”

Tamén forma parte da equipa encargada das micro pezas audiovisuais Xavier Campos, quen afirma que o obxectivo desta xeira de vídeos trata de vincular as persoas espectadoras coa campaña: “buscamos que a xente se recoñeza nela desde a identidade como valora positivo, desde o humor, desde o recoñecemento da nosa idiosincrasia… mesmo ríndonos de nós mesmos cando é preciso”.

Campos subliña a aposta de Nós na creatividade galega, pois entende que “é a mellor maneira de mostrar que somos un país con talento e capacidade. Un país creativo, con cultura e identidade propia, que mostramos orgullosos, de forma amábel e ao tempo reivindicativa”. Sinala que persoas do ámbito cultural “están a trasladarnos motu proprio materiais feitos por eles”. Pon como exemplo o vídeo de Margarita Ledo “Coa luz á porta” ou fotografías achegadas das mans de Vítor Vaqueiro.

Entre os vídeos que prepara Nós, Candidatura Galega atópanse videoclips nos que participarán algún dos grandes artistas musicais do momento

Este membro do equipo de campaña, do que tamén forma parte Xosé Antón Rubal, membro da Executiva do Bloque, revela que nos próximos días aparecerán “máis sorpresas”, sempre co “ton de orgullo de sermos galegos e galegas, porque temos un país capaz de saír adiante e de garantir traballo e benestar para todos e todas. Queremos futuro e voz propia para Galiza”.

Entre os vídeos que prepara Nós, Candidatura Galega atópanse videoclips nos que participarán algún dos grandes artistas musicais do momento.

comentarios