Cospedal nega que a campaña de Feijóo oculte as siglas do partido pola corrupción

“Alguén cre que Feijóo non é o candidato?”, manifestou a secretaria xeral do PP ante as preguntas da prensa. Restou importancia a que os líderes estatais da súa formación non coincidan nos actos de campaña co candidato da súa formación.

Cospedal durante a súa visita en Compostela (Foto: PP)
photo_camera Cospedal durante a súa visita en Compostela (Foto: PP)

A secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, negou esta cuarta feira que o PPdeG oculte as siglas do partido durante a campaña para o 25 de setembro. Cospedal minimizou as críticas xeradas nos últimos días pola menor presenza dos símbolos dos populares na propaganda e nos actos electorais, para evitar que se relacione cos casos de corrupción a nivel estatal, e dar prioridade o perfil de Feijóo. 

Cospedal replicou que, en todo caso, era ben coñecido polo electorado a que partido representa o actual presidente da Xunta. “Alguén cre que Alberto Núñez Feijóo non é o candidato do PP?”, respondeu a secretaria xeral do PP ante as preguntas da prensa, despois dunha visita á praza de abastos de Santiago de Compostela. 

Rajoy e Feijóo só coincidiron nesta campaña no mitin central en Pontevedra.

En declaracións recollidas por Europa Press, Cospedal tamén restou importancia a que os líderes estatais e o candidato para as galegas fagan campaña por separado. Polo momento, Rajoy só apareceu publicamente con Feijóo no mitin central en Pontevedra, o pasado 10 de setembro.

A secretaria xeral do PP –coa que tampouco coincidiu– defendeu que era un modelo de campaña impulsado polos populares galegos nas anteriores campañas. “Cremos que é moito máis eficaz poder chegar ao maior número de persoas posible”, explicou, engadindo que era “moito mellor que cando Feijóo está nun sitio, Rajoy estea noutro”.

Comentarios