Cos contratos de Pemex por cumprir, Feijóo anuncia novos pedidos para safar do acoso da oposición e da folga

O presidente da Xunta tentou safar das acusacións lanzadas polo portavoz do BNG e a presión da greve asegurando que o naval galego obterá novos contratos en Ásia e México

Alberto Núñez Feijóo [Imaxe: Xunta de Galiza]
photo_camera Alberto Núñez Feijóo [Imaxe: Xunta de Galiza]

Unha listaxe de incumprimentos precedeu a pregunta formulada polo portavoz do BNG. Francisco Jorquera lembroulle ao líder do executivo galego as promesas feitas polo seu goberno ao sector naval, mais das que segue sen se saber nada. "Onde está o contrato que asinou co naval en 2009?", inquiriu o nacionalista, quen tamén preguntou polo "proxecto industrial para Navantia" prometido por Núñez Feijóo na campaña das municipais de 2011. 

Francisco Jorquera: "O seu partido fixo co naval o mesmo que coas preferentes, dicir unha cousa aquí e votar en Madrid a contraria"

"O seu partido fixo co naval o mesmo que coas preferentes, dicir unha cousa aquí e votar en Madrid a contraria", espetou o portavoz parlamentar do Bloque a un Núñez Feijóo que botou balóns fóra para eludir as súas responsabilidades cun sector en quebra. O presidente da Xunta verteu acusacións sobre Almunia e o goberno de Zapatero para afirmar que a parálise dos estaleiros non ten nada a ver coa súa xestión de goberno. "Vostede nunca é responsábel de nada", retrucoulle o nacionalista. 

"Imos seguir traballando polo naval até o último segundo do mandato", afirmou con rotundidade o presidente da Xunta de Galiza ao tempo que anunciou novos contratos para Vigo e Ferrol. Núñez Feijóo asegurou en sesión plenaria que "un estaleiro de Vigo" asinou xa un contrato "cun país asiático" para construír buques de defensa "durante máis dun ano". Aliás, afirmou que se están a desenvolver as negociacións debidas para conseguir " 240 millóns máis" en contratos coa petroleira mexicana Pemex para a que aínda non se construíron os dous floteis prometidos por Feijóo. 

O portavoz nacionalista preguntoulle ao presidente polo dique flotante, o proxecto industrial para Navantia e o contrato que asinou co naval en campaña electoral

Unha comarca en greve que exixe solucións
A greve xeral convocada esta cuarta feira na comarca de Ferrolterra ocupou boa parte da sesión de control ao Goberno. A vice-portavoz da AGE deu comezo á súa intervención lembrando que Ferrol "está en guerra" porque "non hai carga de traballo" mentres, o presidente da Xunta "agasalla o país en anacos" para o "converter na esterqueira de Europa" coa súa política mineira. 

A grave situación da comarca ferrolá con taxas de desemprego do 32% e un índice de actividade que atinxe só a 1/3 da poboación centraron a pregunta do voceiro nacionalista. "Vai deixar morrer o sector naval" e con el a comarca de Ferrolterra, mais tamén a de Vigo?, preguntouse Jorquera. 

O presidente respondeu con rotundidade. "Non". Mais o certo é que a "pobreza, o desemprego e a emigración" afectan a comarca e centran as denuncias da xornada de loita convocada --como lembrou Jorquera--. Lévanse destruídos xa máis de 2.300 empregos e corren serio risco milleiros de postos de traballo máis.

Comentarios