28-M

Por Coruña expón o seu plan para os centros educativos da cidade herculina

Nun acto decorrido no Parque de Oza o candidato subliñou a necesidade de que todos os centros escolares “sexan accesíbeis na súa totalidade para as familias, alumnado ou profesorado con diversidades funcionais, ademais de incidir nas reparacións necesarias que garantan que ningún quede sen calefacción no outono ou inverno, e que conten con espazos axeitados”.
O candidato de Por Coruña á Alcaldía, José Manuel Sande (Foto: Por Coruña).
photo_camera O candidato de Por Coruña á Alcaldía, José Manuel Sande (Foto: Por Coruña).

José Manuel Sande, candidato de Por Coruña, a coalición de unidade conformada por Podemos, EU, Alianza Verde e independentes, avanzou esta segunda feira a creación dun Plan de Mantemento dos centros educativos da cidade, despois de comprobar como ano tras ano a Xunta “non dá resposta de modo eficiente a unha necesidade real: Mellorar e reforzar o mantemento diario das instalacións”.

No acto decorrido no Parque de Oza o candidato subliñou a necesidade de que todos os centros escolares “sexan accesíbeis na súa totalidade para as familias, alumnado ou profesorado con diversidades funcionais, ademais de incidir nas reparacións necesarias que garantan que ningún quede sen calefacción no outono ou inverno, e que conten con espazos axeitados”.

A maiores propuxo accións como a instalación de enerxías renovábeis que permitan baixar o custo da factura polo uso de electricidade a partir da colocación de placas solares nos teitos dos colexios e escolas infantís municipais.

“O plan de enerxía permitiría, ademáis, dedicar o excedente xerado ás familias vulnerábeis de cada barrio onde se localice o centro, cumprindo un labor importantísimo: non deixar ninguén atrás”, indicou Sande.

Relación coa universidade

“A relación da Coruña coa Universidade ten moitas eivas: Pouca implicación co deporte universitario, problemas co alugueiro de vivendas para o estudantado, a mobilidade cos campus coas líñas de bus e Bicicoruña. Todo isto require políticas específicas desde María Pita”, acrecentou.

Neste sentido tamén se comprometeu a estudar a apertura dos patios fóra do horario escolar, avaliando a compaxinación de horarios e persoal adscrito aos centros para garantir o cumprimento dos dereitos de todos e todas.

Comentarios