xoves 24/09/20
Análise

O coronavirus obriga a reaparecer a Feixoo

As chaves da ausencia do presidente diante da emerxencia sanitaria e económica.
O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, ante os medios (Imaxe: Arxina)
O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, ante os medios (Imaxe: Arxina)

O presidente galego mantense fiel ao seu libro do estilo. A comparecencia realizada onte para explicar a posición do Goberno galego diante da situación da emerxencia sanitaria na comarca coruñesa respondeu ao guión habitual. Nesta liña evitou confirmar as medidas xa adoptadas na Mariña nunha situación semellante, eludiu calquera tipo de compromiso novo da Xunta para facer fronte á pandemia e esixiu máis responsabilidades aos concellos da zona e ao Goberno estatal.

A ausencia de Núñez Feixoo nas últimas semanas contrasta coa activa presenza nos meses previos á celebración dos comicios galegos de 15 de xullo. Así, durante o  período de vixencia do estado de alarma e coas competencias en materia sanitaria en mans do Goberno estatal, o presidente galego non aforrou declaracións e comparecencias públicas para facer chegar a súa opinión a respecto do coronavirus. Ao longo de marzo, abril, maio e xuño a presenza de Feixoo nos medios de titularidade pública, particularmente na Televisión da Galiza, foi permanente, atesourando horas e horas de máxima audiencia para verter a súa opinión e sobre todo cuestionar a xestión de Pedro Sánchez.

Núñez Feixoo deixou de preocuparse pola pandemia unha vez que a Xunta da Galiza recuperou as competencias sanitarias. A partir deste momento, cando toda a responsabilidade sobre a xestión do coronavirus pasou ao Executivo galego, apareceu en escena o conselleiro da Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña até aquela altura publicamente ausente. Un exemplo ben significativo da nova postura do mandatario galego atopámolo durante a aparición do gromo da Mariña, onde Feixoo delegou toda a resposta á emerxencia  sanitaria noutros membros do Goberno, mantendo unha estudada distancia que xerou gran malestar entre a poboación desa comarca.

Unha táctica política para desgastar os rivais

A xestión da crise do coronavirus responde antes e agora a unha calculada táctica política. A única orientación de Núñez Feixoo fronte á pandemia é deteriorar a posición dos seus rivais políticos, moi particularmente a de Pedro Sánchez, e evitar o desgaste propio, como consecuencia dos posíbeis erros que se poden cometer nunha situación de excepcionalidade como esta. O seu perfil político é inversamente proporcional ás súas responsabilidades na materia, adoptando unha maior proxección pública cando carece de capacidade de xestión real e desaparecendo do escenario nos momentos que a súa posición é decisiva.

A resposta do presidente galego á crise sanitaria é análoga á xestión da emerxencia económica. Así, Feixoo signifícase publicamente á hora de esixir ao Executivo estatal solucións para as factorías de Alcoa de San Cibrao, demandando a elaboración dun marco enerxético que faga rendíbel a actividade. Porén, evita posicionarse sobre o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional, cuxa aprobación corresponde á Xunta da Galiza, delegando no seu conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, a confirmación da negativa do Goberno galego a desautorizar o ERE.

A historia dos 11 anos de Núñez Feixoo á fronte do Goberno galego  son unha constante fuxida. Os próximos meses comprobaremos se isto abonda nunha situación de emerxencia económica e sanitaria como a actual, porén é hora que explique a súa folla de ruta diante da pandemia. A este respecto, resulta chave coñecer as medidas adoptadas polo presidente galego para evitar, no caso dun gromo no mes de outono, unha situación semellante á vivida durante a primavera. As decisións adiantadas en relación ao novo curso escolar semellan non  ir, precisamente, na dirección axeitada.

comentarios