O coronavirus leva o 5-A a un escenario non previsto

Con máis de 118.000 casos detectados e 4.292 persoas falecidas a nivel global, o coronavirus adquiría onte a consideración de pandemia por parte da OMS e causante dunha crise que, na Galiza, proxecta a súa sombra sobre a convocatoria electoral de abril. En espera do avance do brote vírico no territorio, as forzas políticas galegas manteñen a súa axenda preelectoral, con referencias constantes á seguridade sanitaria e ningunha ao cálculo sobre o que pode supor un aprazamento dos comicios.

Colexio electoral na Coruña
photo_camera Colexio electoral na Coruña

Acrise sanitaria pola expansión do coronavirus no territorio estatal deixa, de cara á cita electoral do 5-A na Galiza, un escenario non previsto no normativo e impredicíbel no político. O actual presidente da Xunta e candidato do PP á reelección, Alberto Núñez Feixoo, aventuraba nas últimas horas un posíbel aprazamento da cita coas urnas vinculado á evolución do brote epidémico, se ben incidía en que é o Goberno central, e non a Xunta, quen ten a capacidade de adiar os comicios.

Na tarde de onte, Feixoo convocaba para a vindeira segunda feira, día 16, unha reunión con responsábeis "dos principais partidos políticos" para analizar a situación e "poñer en común toda a información que traslade o Executivo estatal na fin de semana", na que hai prevista, o sábado, unha conferencia coas presidencias.

As posibilidades de suspensión dos comicios non son unívocas, a falta dunha habilitación legal expresa nunha situación que, segundo observa a catedrática de dereito administrativo da Universidade de Compostela Alba Nogueira, non está prevista na normativa xeral electoral. "A actuación vai ter que suxeitarse a unha serie de límites", sinala en declaracións a Nós Diario, que ve pouco factíbel a opción de modificar neste momento a lei electoral estatal (a Lorex) para incluír esta posibilidade. "Esa modificación exixe trámite parlamentario", advirte, para remitirse a uns prazos que, neste momento do proceso, non parecen viábeis.

Nogueira apunta unha segunda vía que, aos seus ollos, tería máis cabida, e que pasa polo decreto dun "estado de excepción", que recolle a Lei de Alarma, Excepción e Sitio, e que debería solicitar o Goberno do Estado e recibir autorización do Congreso.

A experta fixa nese punto o papel da Administración galega: "Tería que haber unha corresponsabilidade na decisión, porque son unhas eleccións que convoca o presidente da Xunta, que ten unha facultade que non pode ser substraída, mesmo se é el quen solicita ao Goberno a declaración de estado de excepción". "Unha vez habilitada polo estado de excepción, debería haber unha decisión galega concreta, que podería ser do presidente da Xunta ou ben da Xunta Electoral", expón.

Tamén esta opción ten, como matiza, dificultades, xa que a Lei de Alarma non fai referencia explícita á suspensión do dereito de sufraxio, aínda que si a outros dereitos fundamentais, o que xera dúbidas sobre o seu encaixe noutras voces académicas. "Eu entendo que, falando como estamos dun procedemento garantista –coa autorización do Congreso– e facendo a lei referencia a unha suspensión de dereitos fundamentais, si tería viabilidade", conclúe a profesora.

En España existe un precedente da declaración do estado de alarma, no inverno de 2010, cando o Goberno o decretaba en todo o territorio estatal con motivo do peche do espazo aéreo derivado da folga do persoal de control.

Competencias

A alusión de Feixoo ás "competencias" do Goberno estatal para declarar a suspensión electoral pode suxerir unha solución, chegado o caso, por esta vía, malia que onte mesmo, o presidente do PP, Pablo Casado, sinalaba a Xunta Electoral Central como o órgano habilitado para decidir sobre un eventual adiamento das votacións galegas.

O que faga Euskadi –onde a incidencia do virus é hoxe moi superior, con 225 casos confirmados e seis persoas falecidas, fronte aos 44 diagnósticos positivos da Galiza, ao peche desta edición– terá consecuencias, de seguro, nas decisións que se adopten aquí. O lehendakari, Iñigo Urkullu, fiaba onte a decisión a unha análise "legal e xurídica" en función da situación sanitaria por parte do Goberno vasco, mais remitíase á Xunta Electoral Central. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios