Coronavirus: BNG pide a comparecencia urxente do Goberno galego no Parlamento para explicar a súa actuación

ana ponton

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, pediu a comparecencia "urxente" do Goberno galego no Parlamento para explicar as actuacións e protocolos que está implementando ante o impacto do coronavirus.

En declaracións aos medios de comunicación no transcurso dun acto preelectoral en Pontevedra, Ana Pontón considerou que é "moi relevante non caer en alarmismos", mais ao mesmo tempo sinalou que no BNG pregúntanse "que máis ten que pasar para que o Goberno da Xunta compareza no Parlamento para dar explicacións de que se está facendo ante o coronavirus?".

Pontón referiuse á preocupación social "cada vez máis crecente" e expresou a súa sorpresa polo feito de que o presidente do Partido Popular, Pablo Casado, esixa a comparecencia no Congreso do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, "mentres que o PP aquí négase a dar a cara" na Cámara galega.

Neste sentido, a portavoz nacional do Bloque cre que a Xunta, "a pesar de que tivo moito tempo para preparar a resposta ao coronavirus, non está á altura do que este reto require".

"Nós, desde a responsabilidade, desde a seriedade, desde o non alarmismo cremos que a Xunta ten que comparecer", insistiu Ana Pontón.

En relación a afectación na campaña, o BNG asume que a propagación deste virus é unha cuestión de sanidade pública "que está por riba de todo" polo que rexeitan avanzar acontecementos e insisten en seguir o que determinen as autoridades competentes.

Comentarios