A coroación de Felipe VI, entre manifestacións e ausencias

Varios grupos parlamentares non asistirán á coroación, datada para o 19 de xuño ás 10.00. Ao tempo, as forzas soberanistas de Galiza, Euskal Herria e Catalunya chaman a se mobilizaren ese día contra a monarquía e a prol das repúblicas galega, vasca e catalá.

Abdicación
photo_camera BNG, Amaiur, ERC, a Izquierda Plural, Compromís e Geroa Bai non asistirán á coroación

Após aprobar as Cortes españolas a lei de abdicación de Juan Carlos I, as institucións afánanse en preparar a coroación do seu fillo e sucesor na coroa, Felipe de Borbón. 

O acto oficial, que terá lugar nas Cortes españolas o vindeiro 19 de xuño a partir das 10.00 da mañá, non contará coa presenza dun bo número de grupos parlamentares que decidiron coa súa ausencia amosar o crecente rexeitamento social á sucesión borbónica. Un proceso no que PP e PSOE se re-encontraron como reflectiron as votacións da lei de abdicación tanto no Congreso coma no Senado. 

Porén, o novo Borbón á fronte da Xefatura do Estado español non conta co apoio de todas as forzas con representación parlamentar. De feito, seis formacións políticas e un total de 25 deputad@s non asistirán ao actos oficial da coroación. Tampouco estará presente o aínda monarca Juan Carlos de Borbón. O discurso oficial da Zarzuela atribúe a súa ausencia a que non quer restar protagonismo ao seu fillo, mais fontes alternativas suxiren que o Borbón indixitado por Franco como seu sucesor ao frente da xefatura do Estado se viu forzado a renunciar por presións combinadas do PP e de sectores do PSOE e que recorre a este xesto -non ser testemuña da entronización do seu vástago- de modo a patentizar o seu desgosto.

De calquera xeito, BNG, Amaiur, ERC, Compromís, a Izquierda Plural e Geroa Bai anunciaron que non participarán na sesión que se realizará nas Cortes españolas a vindeira quinta feira. E non o farán por consideraren unha "farsa" o proceso de sucesión do monarca que, aliás, tildan de "antidemocrático". En troca, reclaman a abertura de "procesos constituíntes" no Estado español e nas nacións sen estado nel integradas que devolvan a palabra á cidadanía perante a actual decrepitude institucional española. 

PNV e CiU asistirán á cerimonia de coroación

Pola súa banda, si estarán representantes do PNV e CiU xunto cos seus respectivos presidentes autonómicos, Iñigo Urkullu e Artur Mas. Malia as reticencias que ambas as dúas formacións din ter co actual modelo de estado, conservadores basc@s e catalás afirman que acudirán "por respecto institucional" mais de maneira "crítica". Neste senso, CiU e PNV manterán a súa ambigüa posición expresada xa nas votacións á lei de abdicación na que as dúas forzas se abstiveron.

Esta quinta feira, as forzas soberanistas de esquerda de Galiza, Catalunya e Euskal Herria mobilizaranse a prol das repúblicas galega, catalá e vasca

Así as cousas, as manifestacións que durante os últimos días se desenvolveron no conxunto do Estado español terán continuidade na véspera da coroación. En Galiza, as principais vilas e cidades do país están chamadas a se mobilizar polo dereito a decidir e a República galega. Do mesmo xeito que acontecerá en Euskal Herria e Catalunya. As forzas soberanistas de esquerda das tres nacións históricas (BNG-CUP-EH Bildu) anunciaron hai días que amosarían o seu rexeitamento á sucesión nas rúas e así o farán. 

7.000 axentes e 120 francotiradores entre bandeiras españolas

Pola contra, a Delegación do goberno español xa denegou autorización a varias manifestacións planexadas para o propio día 19. A capital española, onde decorrerán os actos institucionais e oficiais cos que se proclamará a Felipe VI como rei e xefe de estado, comeza a estar xa blindada polas Forzas de Seguridade do Estado (FSE) após o protocolo especial deseñado polo Ministerio do Interior. 

Até 7.000 axentes da policía española vixiarán as rúas durante o xuramento do ainda príncipe de Asturias. Xunto a eles,120 francotiradores axexarán desde os tellados perante calquera ameaza. 

A quen si permitirán asolagar o espazo público son @s monárquic@s, a quen desde as bancadas do Partido Popular animaron a saír ás rúas. Tanto é así que a patronal madrileña distribuíu bandeiras para acompañar o que Esperanza Aguirre deu en chamar a "marea patriótica". Entre axentes policiais e simboloxía española, o que procurarán desde o Goberno e as institucións é que o vindeiro día 19 Madrid acolla esa imaxe tan agoirada por Rajoy, a do consenso social arredor do novo monarca, aínda que sexa ficticio.

Comentarios