Corcoesto ou a vontade de "non ser unha colonia pasto das multinacionais"

Corcoesto como símbolo. Como símbolo de que "as galegas e os galegos non nos resignamos a ser unha colonia pasto das multinacionais". A frase é de Ana Miranda, en campaña en Carballo.

Ana Miranda mitin Carballo2
photo_camera Ana Miranda mitin Carballo2

A loita cívica contra a mina de ouro de Corcoesto mostra que este país "non se resigna a que veñan de fóra a roubarnos o que é noso", dixo Miranda. Corcoesto é xa un referente da loita do pobo galego en defensa do seu territorio e a candidata nacionalista apelou ao seu espírito para chamar á rebeldía contra as políticas "capitalistas e neoliberais da UE".

"En Corcoesto quixeron arrancarnos o corazón da terra, pero non lles deixamos. Esa batalla gañámola pelexando ao lado da xente deste país, como sempre fai o BNG", dixo a número un da formación nacionalista a Bruxelas.

O modelo capitalista e neoliberal da UE non se sostén só: existe grazas á cumplicidade dos "secuaces políticos do PP", dixo Miranda, ao fronte dos cales situou Feijóo.

"En Corcoesto quixeron arrancarnos o corazón da terra, pero non lles deixamos", dixo Ana Miranda en Carballo

Feijóo ou o BNG. Esa é a contraposición que debuxou Miranda no mítin de Carballo, acto político no que partillou tribuna co alcalde, o nacionalista Evencio Ferrero, e o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence.

"Mentres Feijóo se puña de lado do inimigo, o BNG púxose do lado da xente, do lado de Galiza, e deu voz directa en Europa a todos os colectivos que lle plantaron cara a ese capitalismo sen rostro, levounos a Bruxelas para que explicaran directamente no Parlamento Europeo a súa loita contra as multinacionais que nos queren roubar a riqueza, que teñen o cianuro por bandeira para facer negocio a costa de envelenar a terra”, remarcou Miranda.

Vence, contra Pastor

Na súa intervención, o portavoz nacional do BNG colocou no albo a ministra de Fomento e o seu recente anuncio -en plena campaña, o que ten todas as trazas de conculcar a lei eleitoral- dunha ampliación da AP-9, en Rande.

Vence cualificou o anuncio de "desfachatez política" e, aliás, puxo en dúbida a súa materialización. "Quen vai levar a cabo esa suposta ampliación de Rande e da AP-9 cando a empresa propietaria, Itínere, está anunciando a súa venda”, perguntouse. Onde estaría o eventual negocio da ampliación?, inquiriuse a si propio Vence. E respondeuse: “A resposta é moi clara” -dixo o portavoz nacionalista- aumento dos anos de concesión e tarifas máis caras para os galegas e galegos, cautivos dunha infraestrutura para a que non hai alternativa”.

Comentarios