A Coordinadora de En Marea di que o Comité Electoral "parece querer constituír un poder totalitario"

[ACTUALIZADA ÁS 15.09H] Aínda non está restaurada a regularidade censal no proceso de eleccións internas de En Marea. Así o asegurou na mañá do domingo Gonzalo Rodríguez, membro da Coordinadora de En Marea e representante legal do partido perante a Axencia Española de Protección de Datos. Sinalou, ademais, que membros do Comité Electoral quebraron garantías do censo.

Gonzalo_Rodríguez
photo_camera Gonzalo Rodríguez

O membro da Coordinadora de En Marea e representante legal do partido perante a Axencia Española de Protección de Datos, Gonzalo Rodríguez, informou na mañá do domingo nunha rolda de imprensa que a regularidade censal do proceso interno de eleccións para a renovación dos órganos de decisión de En Marea “aínda non está restaurada” un día despois de que a dirección optase por suspender as primarias.

Sinalou que nos comunicados do Comité Electoral e “non se ofrecían aínda garantías de restauración de regularidade censal”. “Os comunicados do Comité Electoral non dan resposta, non argumentan nin explican a súa postura a respeito de ningunha das razóns da resolución da Comisión de Ética e Garantías de En Marea”, que a pasada sexta feira resolveu suspender as primarias. Acusou o Comité Electoral de "xirar sobre si mesmo" e de que "parece que queren constituír un poder totalitario".

O membro da Coordinadora puxo de manifesto que as garantías do censo foron “quebradas por membros do Comité Electoral”, por tanto, dixo, “deben estabelecerse os mecanismos para restaurar a confianza”. Neste sentido, advertiu de que “as présas son malas conselleiras cando teñen que darse decisións importantes que teñen a ver con dereitos fundamentais e asuntos de calado profundo”. Estas decisións, insistiu, “teñen que ser informadas, sopesadas, e teñen que poñerse sobre a mesa todos os argumentos, non se poden tomar ás présas e sen prever as consecuencias”.

O que se está dirimindo, subliñou, “ten consecuencias profundas para o proceso de eleccións internas e para o proxecto de futuro de En Marea”. “Non se pode facer este proxecto de futuro con pés de barro”, agregou.

Volve o "caso Paula Quinteiro"

Gonzalo Rodríguez aludiu na rolda de prensa ao "caso Paula Quinteiro" ao lembrar que o traballo da Comisión de Garantías "tamén puideron avalialo" en actuacións pasadas, como a consulta para decidir a continuidade da citada deputada.

"A Comisión de Garantías entendeu e atendeu un enorme número de reclamacións sobre o propio proceso de votación. Por tanto, non vale dicir que servía para p proceso de Paula Quinteiro e non serve para este", subliñou.

As auditorías, a mediados da semana

A preguntas dos medios de comunicación, Gonzalo Rodríguez puxo de manifesto que están en marcha dúas auditorías, unha externa e unha interna, para resolver que aconteceu co censo. “Os peritos sinalas que cara a mediados da semana que vén a Comisión de Ética e Garantías terá o informe”, apuntou.

A respeito de acudir aos tribunais pola suposta intrusión do Comité Electoral no censo, o membro da Coordinadora informou de que "se se verifica que se incorreu nun tipo penal, os órganos de En Marea deberán tomar as decisións que correspondan".

Comunicado de Coidando a Casa

A candidatura encabezada por Luís Villares, que nun comunicado emitido na madrugada do sábado sinalou que acataba a resolución da Comisión de Garantías, pronunciouse de maneira oficial na tarde do sábado, 1 de decembro, para amosar a súa preocupación “pola situación que estamos vivindo en En Marea” e “pola imposibilidade de votar con garantías”. Nun comunicado de imprensa, Coidando a Casa explica que na noite da sexta feira, cando a Comisión de Garantías anunciou a suspensión das primarias e cando posteriormente o Comité Electoral se pronunciou no sentido contrario, contactou coa candidatura Entre Todas, a impulsada por David Bruzos, para “buscar unha solución consensuada que nos permitise superar as deficiencias sinaladas pola comisión coa maior brevidade posíbel, así como transmitir conxuntamente unha mensaxe interna e externa de diálogo e tranquilidade na resolución deste conflito”.

“Xa de madrugada, a única resposta que recibimos da outra candidatura foi que esta se referenciaba na decisión do Comité electoral de continuar, sen responder á nosa proposta de busca de solucións aos problemas de garantías na votación sinalados pola Comisión de Garantías de En Marea”, expón a candidatura de Villares no comunicado, que asegura que durante o sábado contactou de novo con Entre Todas para buscar unha solución sen ter resposta ningunha ao respecto.

Coidando a Casa volve facer fincapé na necesidade de que ambas as candidaturas dialoguen para “solucionar, coa maior celeridade, as irregularidades sinaladas pola Comisión de Garantías e que neste momento impiden a continuidade do proceso electoral”. Tamén apela a unha “comunicación conxunta da vontade de chegar a un acordo para a celebración das eleccións, con todas as garantías, limpeza e transparencia, coa maior celeridade posíbel”.

Entre Todas nega irregularidades 

Fontes da candidatura de David Bruzos negaron en declaracións a Sermos Galiza prácticas irregularidades que atinxisen membros da listaxe nin persoas próximas a ela. Afirman tamén que non existen probas ningunhas das acusacións vertidas pola Comisión de Garantías a respeito da "presunta intrusión" no censo. 

Aliás, desmenten que a chamada de Villares a Bruzos non tivese resposta ningunha, "si que contestou, mais o que pretendía Villares era un pacto entre candidaturas unha solución e Bruzos díxolle que non, que non se pode pactar entre candidaturas un novo calendario nin outro tipo de fórmulas. Iso compételles a outros órganos", sinalan as mesmas fontesa este medio.

Comentarios