Convocan unha xornada de traballo cara á "unidade popular" nas eleccións estatais

O chamamento foi lanzado por Lugo Novo, Marea de Noia e Betanzos Novo e vai dirixido ás marés como "expresión politica da cidadanía activa", din.

O lugar aínda está por concretar mais será o 13 de agosto en Compostela, segundo sinalan nun comunicado de imprensa asinado por Lugo Novo, Marea de Noia e Betanzos Novo.  

As tres candidaturas municipalistas convocan unha xornada de traballo cuxo obxectivo sexa artellar un "proceso de unidade popular" cara ás eleccións ás Cortes españolas o vindeiro mes de decembro. Do encontro, sinalan, sairá un grupo de persoas que definan os trazos xerais "como paso previo para o artellamento, no mes de setembro, da rede para o levar a cabo". 

Segundo as tres formacións os resultados colleitados nas municipais por estas candidaturas son "unha responsabilidade" e "un reto" para dar un pulo aos proxectos locais e adaptalos "a un proceso dunha dimensión distinta" coas eleccións estatais no albo. 

Segundo Lugo Novo, Marea de Noia e Betanzos Novo "as marés" están "lexitimadas popularmente" para ser "motor dese proceso" de "unidade popular"

Segundo Lugo Novo, Marea de Noia e Betanzos Novo "as marés" están "lexitimadas popularmente" para ser "motor dese proceso" de "unidade popular" destinado a "acumular forzas "para a ruptura democrática cos eixos dunha democracia radical, o dereito a decidilo todo e a construción dun novo modelo económico e social que garanta a dignidade das persoas". Un proceso, sinalan, "no que o protagonismo ten que recaer na cidadanía, democrático e participativo, sen victorias nen imposicións de parte" que "xere un espazo común, deixando a un lado as diferenzas e buscando o que nos une, un espazo que sexa expresión dunha confluencia real para artellar ferramentas que vaian máis alá da contenda electoral". 

Aliás, subliñan, o proceso ha de ter Galiza "como suxeito político". 

Comentarios