Conversas da Pokemon: ''Chama Paula Prado a ver se ten alguén a quen meter''

A ex concelleira de Compostela e actual voceira nacional do PP e deputada no Parlamento galego tamén aparece nas gravacións que se coñeceron após a xuíza Pilar de Lara levantar o segredo do sumario sobre esta operación contra a corrupción política.

paulaprado_dentro
photo_camera [Imaxe de arquivo: flickr PP]


"Chama Paula Prado a ver se ten alguén a quen meter aínda que só sexa para quedar ben con ela e gañar puntos", recomenda unha persoa a un dos directivos da empresa Vendex, o eixo central da operación Pokemon contra a corrupción política que implica na Galiza máis de 100 persoas. 

A actual voceira nacional do PP e deputada no Parlamento galego pola formación conservadora era, na altura en que se gravaron as conversas, concelleira en Compostela. Non foi imputada, como tampouco o foi o voceiro do PP no Senado, José Manuel Barreiro, mais os arquivos sonoros que transcenderon cando a xuíza Pilar de Lara levantou o segredo do sumario deixan claro que coñecían os responsábeis de Vendex. Segundo o sumario, Barreiro quedou con directivos da emrpesa polo menos en dúas ocasións para falar de "temas pendentes".  

Sabían tamén de operacións fraudulentas como a adxudicación dun xardín infantil no barrio compostelán do Castiñeiriño. A tal concesión refírese a conversa rexistrada con data do 22 de agosto de 2012 en que unha persoa recomenda que se teñan en conta os nomes que achegue Prado "para que vexa que contamos con ela".

Tamén lle pediron nomes a "Rebeca" --Rebeca Domínguez, daquela concelleira de Educación e que si foi imputada-- e "ao chefazo" --en referencia ao alcalde Ángel Currás, tamén imputado--. Tanto a ex edil coma o aínda rexedor enchufaron persoas afíns a cambio de favores a Vendex. Tamén achegaron nomes o concelleiro do PSdG Bernardino Rama, cuxa identidade agochan baixo o mote de 'O Padriño'. 

Comentarios