Beiras e Vence manteñen unha conversa sobre un eventual encontro IpU-Foro Político

Non están todas as pontes rotas, hai fíos telefónicos abertos e as próximas horas serán decisivas para ver se unha conversa producida esta cuarta feira entre os líderes do BNG e Anova serviu para o desxeo das relacións entre as plataformas.

Beiras_Vence

Por volta das 21 horas chegou ás redaccións un comunicado da Iniciativa pola Unión en que se informaba de que unha "comunicación" entre os líderes de Anova e BNG tería resultado nunha hipotética re-abertura do diálogo entre as plataformas con vista á convocatoria dun encontro que, desta volta, enfatiza IpU, sería "sen exclusións e sen condicións previas".

O encontro constituiría un "último esforzo", afirma IpU, "tendente á construción dunha candidatura unitaria galega".

Que significa sen exclusións e sen condicións?  Sempre de acordo co ponto de vista da IpU, sen exclusións significa que poderían participar na reunión aquelas forzas políticas cuxo concurso fora visto en primeira instancia como inconveniente por parte da Marea Galega (en concreto 6 organizacións: Partido Galeguista, Agora Galiza, PCPG, Terra Galega, FOGA e Coalición Galega). E sen condicións significa que o re-encontro de IpU e Foro Político non obriga a priori a aquela a aceitar os pontos programáticos fundacionais deste (entre eles, a aposta en que a fórmula eleitoral para as xerais se repetise tamén para as galegas).

O comunicado da IpU contén os seguintes catro pontos:

1. A plena disposición da Iniciativa pola Unión para convocar con carácter urxente unha reunión conxunta co Foro Político, de carácter aberto a todos os actores que participan dos dous espazos, co obxectivo de avaliar na mesma as posíbeis coincidencias existentes arredor da conformación dunha candidatura galega de unidade.

2. Propoñemos que por motivos de urxencia nos prazos para a conformación das candidaturas esta xuntanza se desenvolva o sábado 31, ás 11 horas, en Santiago de Compostela. 

3. Desde a IpU consideramos que os contidos que poden facer posíbel a unidade política e social para a conformación desa lista unitaria son aqueles que garanten a natureza plenamente galega e soberana da candidatura e da representación parlamentar que se obteña, a partir dela, nas eleccións xerais do 20D. 

4. Eses contidos son: candidatura galega con personalidade xurídica propia, representación parlamentar galega soberana, defensa do dereito a decidir do pobo galego e do seu pleno exercicio como nación soberana, programa de carácter marcadamente social e de defensa do dereito de Galiza a producir e a garantir o seu pleno desenvolvemento económico, social e cultural.

O relato de Anova

As fontes da dirección de Anova consultadas por Sermos oferecen un relato distinto do debuxado por IpU. "Houbo unha conversa na que se falou sobre unha eventual xuntanza entre Iniciativa pola Unión e o Foro Político", din. "Nela", engaden, "Beiras manifestoulle a Vence que el non podía falar polo Foro, que loxicamente só podía falar por Anova. Comunicoulle tamén que no caso de que IpU se dirixese ao Foro para pedir unha nova reunión Anova, como componente da plataforma, manifestaríase a prol de que ese encontro se realicese", afirman.

"Anova intentará que se realice esa xuntanza, mais esa xa non é unha decisión de Anova. Temos un proceso en marcha e moi avanzado. Non imos desandar pasos. O proceso non está fechado e admite incorporacións, pero non vamos dar marcha atrás", enfatizan as fontes da organización liderada por Beiras.

Por tanto, Anova afirma que non é certo que se pactase un novo encontro IpU-Foro Político, pola sinxela razón de que Beiras neste momento non ten faculdades para acordar nada por si só, sendo que depende do que se acorde colectivamente co resto de componentes da plataforma.

Comentarios