“Esta convención vai ser un punto de inflexión, marcará o camiño futuro de Compromiso”

Falamos co secretario xeral de CxG ás portas da Convención Nacional que o partido realiza este domingo, 17 de abril, e no que está en xogo, dinos, “moito máis que como concorremos ás eleccións”.

bascuas
photo_camera Xoán Bascuas

Xoán Bascuas (Rüsselsheim, Hessen, Alemaña, 1971) é secretario xeral de Compromiso por Galicia, un partido que este domingo, 17 de abril, realiza en Teo a Convención Nacional na que se debatirá e decidirá sobre a forma de concorrer ás eleccións galegas. Unha decisión, como manifesta o propio Bascuas, cuxas implicacións van “máis alá”.

Unha Convención Nacional para decidilo todo?

Unha convención na que se vai poñer en xogo non tanto como concorremos a unhas eleccións, senón o camiño futuro de CXG, algo que vai estar presente nas propostas. É un punto de inflexión na curta vida de Compromiso por Galicia, porque o resultado que se dea vai ter efectos á hora de como este partido participa publicamente en política.

É a confirmación de que hai, por dicilo así, dúas almas en CxG?

Non afirmaría iso. O debate non é ideolóxico, é táctico, e se me apuras, até estratéxico. Non hai dúas almas diferentes sobre o que debe pensar CxG, mais si sobre que facer neste proceso electoral. E non só sobre este. Se Compromiso aposta por facer parte dese proceso de acumulación de forzas, despois non vexo que poida baixarse na seguinta cita.

Mais a visibilidade de CxG como entidade propia desaparece?

A día de hoxe non se sabe moi ben cal é a fórmula coa que se vai concorrer nese proceso de acumulación de forzas. Anova e as candidaturas municipalistas parece que están máis polo partido instrumental, mentres que Podemos e Esquerda Unida son máis reticentes. Nunha coligazón as forzas que a integran teñen máis visibilidade, é de lóxica.

Houbo unha Convención en outubro para decidir sobre como concorrer o 20-D. Optouse por non facelo e deixar liberdade á filiación. Non concorrer é un escenario que semella que non se contempla agora. Pasou factura a decisión daquela?

Daquela Compromiso fixera un esforzo para que houbese unha candidatura galega unitaria. Mais ningún dos dous bandos tivo xenerosidade para confluír e preferiron xogar, un e outro, á mantenta para deixar ao outro fóra de xogo. CxG cumpriu coa súa palabra, dixo que se non era nunha candidatura unitaria non concorrería, e así o fixemos. Fomos coherentes, a decisión pode ter custos, mais na política hai que cumprir o que se di.

Máis en POLÍTICA
Comentarios