Contrarreloxo na Xunta contra a 'Lei Celáa'

O conselleiro de Educación confirma que a Xunta prevé adiantar a inscrición escolar para o próximo curso, tal como anunciou o líder do PP para os territorios gobernados por esta forza, e salvar os cambios normativos que suporá no ensino a entrada en vigor da Lomloe. 
undefined
photo_camera O adianto da inscrición pretende eludir o vindeiro curso os cambios que recolle a nova lei, a piques de aprobarse. (Foto: Europa Press)

O Goberno galego traballa para abrir este mes o prazo de inscrición nos centros de ensino de cara ao inicio do curso vindeiro e adiantarse así á entrada en vigor da nova norma educativa, a chamada 'Lei Celáa', a piques de aprobarse.

O paso, confirmado hoxe polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, vai na liña do anunciado na fin de semana polo presidente do PP español, Pablo Casado, referente aos gobernos territoriais da súa cor política, para eludir os cambios que implica a Lomloe en aspectos como as limitacións na elección da educación concertada por parte das familias ou a posibilidade –para os Gobernos autonómicos– de seleccionar a lingua propia como vehicular para o ensino. 

Malia a consigna de Casado, e as decisións previas polas que a Xunta se descolga da reforma educativa –caso da negativa a posibilitar a promoción de curso con materias non superadas– o conselleiro rexeita que, no caso da Galiza, a Xunta pretenda ter un "posicionamento ideolóxico" sobre a lei en tramitación e defende que a propia Lomloe ofrece amparo legal para pór en práctica estas medidas. 

A propia ministra, Isabel Celáa, recoñeceu onte que aquelas comunidades que publiquen as resolucións de escolarización antes da aprobación definitiva da lei se rexerán no curso vindeiro pola norma anterior, a Lomce, se ben rexeitou que o mecanismo pautado polo PP adiante os prazos de admisión, senón que é –dixo– "unha estratexia política para confundir a cidadanía".

Desde o PSdeG, o secretario xeral, Gonzalo Caballero, carga contra a "deslealdade" do PP, ao que insta a "cumprir as leis e as normas" no canto de tratar de facer "escapismo", unha "insubmisión" que negan desde o PP galego, quen defende o cambio de data da inscrición como mecanismo para "minimizar os efectos" da norma educativa, segundo sinalou onte o portavoz parlamentar, Pedro Puy.

Para a CIG-Ensino, o sindicato con maior representación no sector no país, o cambio de inscrición "é mostra dun uso vergoñento e partidista dunha Administración por parte do PP". Así o sinala o seu secretario nacional, Suso Bermello, quen censura o "seguidismo" da Xunta. "Resulta escandaloso que teñamos que ouvir Pablo Casado marcar a política educativa da Xunta", lamenta.

Da nova lei, a central nacionalista salienta que abre, de maneira expresa, a posibilidade de reducir ratios en centros de ensino localizados en zonas socialmente desfavorecidas ou en aulas con alumnado con necesidades especiais. "Regular estes cambios, unha esixencia que a CIG-Ensino ten previsto trasladar á Xunta en canto entre en vigor a lei, implicaría cambios na matrícula. Como tamén se deberían derivar cambios se se regulase unha distribución do alumnado con necesidades de apoio específico (Neae) entre centros públicos e concertados", apunta Bermello, para quen a táctica do PP, tamén na Xunta, "busca esquivar esta responsabilidade, o que implica un trato de favor ao ensino concertado e unha nova mostra de desintesese polo alumando con Neae".

Comentarios