A continuidade marca os vindeiros congresos provinciais do PP

Rueda confirma candidatura á reelección en Pontevedra.
Alfonso Rueda aspira repetir como presidente do PP de Pontevedra. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda aspira repetir como presidente do PP de Pontevedra. (Foto: Europa Press)

O vicepresidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda vén de confirmar, nesta terceira feira, a súa candidatura á presidencia do PP de Pontevedra. 

Así, nunha mensaxe de voz sinala a súa intención de se presentar a reelección coa “mesma ilusión” de hai cinco anos”, pois “fican moitas cousas con facer” e coas eleccións municipais de 2023 como obxectivo, “xa que hai moitos concellos nos que o PP quedou a moi pouca distancia de poder gobernar” nos anteriores comicios. O paso adiante de Rueda non ten causado sorpresa algunha na formación, onde esta decisión se dá como “natural”.

“Queremos aprender dos erros que puidemos cometer e aproveitar o esforzo e os acertos de tanta xente. Case 30.000 afiliados ten o PP na provincia de Pontevedra”, subliña Rueda, quen en chave orgánica considera que “o reto é seguir mantendo a unidade do partido, un partido forte, que garante a estabilidade alí onde goberna, un partido no que confiar para xestionar os momentos máis complicados e nas peores situacións”. Na mesma clave, aposta por continuar “xuntos, con traballo e a experiencia dos últimos anos estaremos á altura”.

Pontevedra é precisamente unha das circunscricións electorais máis complicadas para o PP. A formación non só está fóra do Goberno dos principais núcleos de poboación, como as cidades de Pontevedra e Vigo, ou da Deputación, sendo superada nos últimos comicios estatais e galegos pola suma das forzas da esquerda.

Rueda é o último presidente provincial dos populares en facer pública a súa intención de repetir no cargo. 

Neste sentido, súmase á intención adiantada con anterioridade por Diego Calvo, responsábel da formación na Coruña, Elena Candia, presidenta de Lugo e José Manuel Baltar, líder do partido en Ourense. 

A falla de rematar os prazos regulamentarios para a presentación de candidaturas, as fontes populares consultadas por Nós Diario dan por feito que ningún deles van atopar oposición nos seus respectivos congresos

Comentarios