Continúa a polémica entre Iglesias e Riobóo pola fórmula de concorrencia ás eleccións galegas

O secretario xeral do partido a nivel estatal reitera que 'En Marea' é a vía coa que queren “gañar” a Xunta. Breogán Riobóo mantén que ir en solitario como Podemos é unha opción e reduce a escolla de Iglesias a “dun militante máis”.

iglesias-podemos-eitb_foto610x342

Pablo Iglesias volveu máis unha vez manifestar publicamente a súa querencia porque 'En Marea' sexa a fórmula coa que Podemos concorra ás eleccións galegas. Fíxoo nunha entrevista esta segunda feira no programa 'Hoy por Hoy' na Cadena Ser e fíxoo con rotundidade: “En Marea será a referencia de Podemos” en Galiza, “a nosa opción en Galiza é En Marea” e “Temos unha folla de rota clara: apostamos claramente en En Marea”. Declaracións que se producen apenas horas despois de que o secretario xeral de Podemos en Galiza, Breogán Riobóo, volvese afirmar que non se pode descartar que Podemos concorra en solitario a esa cita coas urnas. Riobóo, tamén nunha entrevista na Cadena Ser, explicou que sobre a mesa hai tres opcións: concorrer en solitario, repetir a fórmula En Marea, ou ben nunha candidatura “máis ampla e con maior presenza cidadá”. Preguntado sobre as manifestacións de Iglesias dando por feito que En Marea ten que ser a fórmula na que se presente Podemos, Riobóo limitouse a sinalar que a do secretario xeral do partido é a opinión “dun militante máis” e que será a militancia de Galiza quen decida.

Riobóo volveu a se referir a chatas de En Marea. Se noutras ocasións criticou o que consideraba como un discurso dirixido en exceso a captar voto nacionalista ou á 'sobre-representación' na candidatura de forzas como Anova ou EU; desta vez referiuse a que En Marea “non tivo a capacidade de participación cidadá que lle gostaría a Podemos”.

“En Marea está errada nalgo”

Os resultados da coligazón tamén foron analizados por Riobóo nesta entrevista. Resaltou a importancia de acadar 6 deputados e de ter parlamentares por Lugo e Ourense, a primeira vez que nestas circunscrición hai eleitos nunhas eleccións xerais que non son de PSOE e PP

Mais apontou tamén que mentres no resto do Estado Podemos e as confluencias superaron os resultados que lle atribuían na enquisa pre-electoral do CIS en Galiza iso non aconteceu. “É evidente que En Marea está errada nalgo”, apontou.

Fendas

As diverxencias entre Breogán Riobóo e Pablo Iglesias non escapan ao marco no que o partido podemita en Galiza está sumido nunha división, fenda reflectida entre o sector en torno ao secretario xeral galego, Breogán Riobóo, e o que se nuclea ao redor dos parlamentares de Podemos nas Cortes españolas.

Comentarios