Parlamento

Continúa a "confrontación" pola débeda do IVE do Estado coa Galiza

O líder dos socialistas galegos ve nun "novo modelo de financiamento" a solución ao problema das mensualidades do IVE de 2017.
O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero (Nós Diario).
photo_camera O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero (Nós Diario).

A "confrontación" do Goberno galego co do Estado abriu unha nova xanela coa resposta que están a artellar desde os servizos xurídicos da Xunta a respecto da débeda das mensualidades do IVE de 2017. Unha cuestión que colocou agora na axenda política o presidente galego e coa que a oposición coincide só en parte: na confirmación de que eses 200 millóns de euros son das galegas.

"A cidadanía non lle compra o discurso mentireiro e falaz a Feixoo", asegurou o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen salientou que o presidente da Xunta tivo a oportunidade de apoiar os orzamentos estatais de 2019 e que esa débeda se pagase "pola vía ordinaria" pero non o quixo facer, segundo o socialista, "porque non defende os intereses das galegas".

"A problemática que xerou Montoro [como ministro de Facenda] é do conxunto do Estado, non de agravio dunhas ou doutras comunidades", apuntou Caballero, quen trasladou que o Goberno de Pedro Sánchez vai buscar "mecanismos" para pagar eses cartos do IVE de 2017 a través dun "novo modelo de financiamento autonómico" cando se produza un acordo para sacalo adiante. Así mesmo, o socialista considerou que "a vía dos tribunais está aberta" para quen queira empregala, mais advertiu de que poden atoparse "cunha realidade distinta da que esperan". "Nin aire nin auga á estratexia do PP", incidiu Caballero.

Foi o Bloque Nacionalista Galego o que lle pediu a Feixoo que dea "un paso adiante" e "recorra pola vía xudicial" a débeda do IVE. "Con independencia de quen xerara esta débeda, que foi un ministro e un Goberno do PP, son cartos das galegas", aseverou a viceportavoz do partido na Cámara galega, Olalla Rodil.

A nacionalista manifestou que "é evidente" que os intereses do país "non se defenden nin cun arrebato epistolar de última hora", "nin utilizando a este país nunha estratexia de falsa confrontación para maior gloria de Casado". E lembrou que "cando se quere pór os intereses de Galiza por diante, pódese", en referencia ao acordo de investidura entre PSOE e BNG.

Neste sentido, o portavoz do Partido Popular no Parlamento da Galiza, Pedro Puy, insistiu en que pagar a débeda "é unha cuestión de vontade" por parte do Estado e mostrouse sorprendido porque desde o BNG "lle digan á Xunta que lle presente un preito ao Goberno que acaba de apoiar".

"Non se descarta ningunha vía", explicitou Puy, quen precisou que "o pago da débeda está contemplado no vixente sistema de financiamento autonómico" e, polo tanto, indicou que "resulta polo menos rechamante" que os socialistas digan que "hai que agardar por un novo sistema para a solución".

Da mesma maneira, o portavoz popular negou que haxa unha "estratexia de confrontación" entre Xunta e Estado para recalcar que "cada Administración ten que cumprir coas súas obrigas" e que "o día que o Estado decida pagar ás comunidades o que lles debe, non haberá nada que confrontar".

Retrasos no AVE a Galiza

Co informe do Tribunal de Contas que desvela que Adif paralizou as obras do AVE galego en 2016 e 2017 de maneira "irregular", o Grupo Común da Esquerda pedirá explicacións polo "sobrecuste" de 438 millóns nas obras e "responsabilidades" ao PP. Desde o PSdeG aseguraron que non haberá "nin un só segundo de retraso" no tren que dependa do Estado. 

Comentarios