As contas de Lugo destinarán un terzo ás políticas sociais

Os orzamentos municipais de Lugo para 2021, que serán levados o día 18 a un pleno extraordinario para a súa aprobación, medrarán 6,5% respecto ás contas deste ano, até 106.478.713 euros, segundo avanzaron hoxe en rolda de prensa a alcaldesa, Lara Méndez, e o tenente de alcalde, Rubén Arroxo. 
Lara Méndez e Rubén Arroxo presentaron os Orzamentos 2021 de Lugo
photo_camera Lara Méndez e Rubén Arroxo presentaron os Orzamentos 2021 de Lugo. (Foto: Concello de Lugo)

Case un terzo desa cantidade, 31,2 millóns, destinaranse –indicou a rexedora– a políticas sociais, co obxectivo de conseguir melloras na calidade de vida nos ámbitos rural e urbano e de integrar "os sectores máis desfavorecidos" da cidade.

Así mesmo, deses máis de 31 millóns, 13,8 consígnanse para "políticas de benestar", concretou Méndez.

"Son unhas contas expansivas e solidarias, pensadas para a recuperación de Lugo, porque estimamos que o vindeiro ano, como vimos reiterando durante estes meses, debemos saír reforzados desta situación de crise social e económica derivada da emerxencia sanitaria", destacou a primeira edila. 

Tamén incidiu en que "coas políticas incluídas nestas contas, unidas aos investimentos desenvolvidos no último ano e sen aumentar as políticas impositivas, estamos a falar dunha mobilización de recursos superior aos 49 millóns de euros".

"É dicir, un esforzo investidor sen precedentes na historia de Lugo destinado a impulsar a súa segunda gran transformación, a súa dinamización, a innovación e o emprendemento, de vital importancia para un crecemento económico sólido e continuado nos vindeiros anos", indicou Lara Méndez.  

"As administracións deben ser as primeiras en realizar grandes investimentos nun momento de crise económica, ao contrario do realizado por outras administracións noutros momentos de crise, que deixaron unhas claras consecuencias", considerou pola súa banda Rubén Arroxo, quen anunciou na comparecencia partidas orzamentarias que servirán para dar continuidade á transformación da rolda da Muralla, no treito entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba, e á continuación do plan de renovación de alumeado público.

"Estes orzamentos van permitir xerar emprego en Lugo e estabilizar o emprego xa existente, ademais de continuar coa mellora da cidade iniciada cos orzamentos do ano 2020 e cos suplementos de crédito aprobados neste período", engadiu o edil.

Comentarios