Conta atrás para o 20-D

Mariano Rajoy asina o decreto de disolución das Cortes e da convocatoria das eleccións do 20 de decembro, que o BOE publica esta terza feira. Pistoletazo de saída para un calendario frenético que comeza desde xa para uns comicios determinantes.

Rajoy consello Ministros
photo_camera Consello de Ministros extra-ordinario desta segunda feira

Após o trámite obrigatoria do Consello de Ministros extra-ordinario desta segunda feira no que Mariano Rajoy comunica oficialmente ao seu Goberno que as eleccións van ser o 20 de decembro ponse en marcha un frenético calendario electoral marcado polos estritos prazos fixados na Lei Orgánica de réxime electoral xeral (LOREG).

Un calendario que comeza esta terza feira 27 de outubro coa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) do decreto de disolución das Cortes e de convocatoria dos comicios para o 20 de decembro. Axiña chega unha desas datas que xa están marcadas en vermello nos calendarios das formacións: o 6 de novembro. É o prazo límite para que os partidos que queiran concorrer en coligazón ou alianza con outras formacións o comuniquen ás xuntas electorais correspondentes.

Pouco despois, do 11 ao 16 dese mesmo mes é o prazo para presentar as candidaturas ante a Xunta Electoral. O 24 de novembro publicaranse no BOE as candidaturas proclamadas e o 4 de decembro ás 00:00 arranca a campaña electoral, O 20D, eleccións e o 14 de xaneiro sería a data tope para a constitución do Congreso e do Senado.

Fican por diante apenas sete semanas para uns comicios que poucos dubidan que van dar lugar a unha lexislatura que vai ser a máis determinante desde a transición española. Chégase ao 20D após catro anos dunha crise con brutais consecuencias sociais, de recortes en dereitos e liberdades, de xurdimento de novos actores políticos, de crise do modelo político emanado da Constitución do 78 e dunha fonda fenda aberta nese modelo polo proceso independentista catalán.

Na Galiza elíxense 23 deputad@s ao Congreso español. Na actual composición da Cámara, o PP ten 11, o PSOE, 10 e o BNG, 2 escanos. Por volta de 2.400.000 galeg@s terán dereito o 20D a escoller representantes nas Cortes.

Rajoy: non á reforma da Constitución española

Na comparecencia após o Consello de Ministros, Mariano Rajoy adicouse a defender a súa xestión nestes catro anos, nun acto que corresponsais estranxeiros en Madrid xa cualificaron como o primeiro mitin do PP para as eleccións do 20 de decembro. Rajoy abondou no argumento de que se está no inicio da recuperación económica e que os recortes e medidas adoptadas nesta lexislatura foron "necesarias" e non había outra alternativa.

O presidente español xa descartou, a preguntas dos xornalistas, que o PP leve no seu programa unha proposta de reforma constitucional para a vindeira lexislatura, afirmando que esa cuestión "non é unha prioridade". Iso si, Rajoy si que relacionou o debate da reforma constitucional coa reforma territorial, criticando que a oposición non teña ideas claras a este último respeito.

Comentarios