O DOMINGO, 5 DE XUñO

Consulta popular en 32 concellos guipuscoanos sobre a independencia vasca

Os referendos son impulsados a través da plataforma 'Gure esku dago' (Está na nosa man). A pregunta que se vai formular é: “Desexa ser cidadán dun estado vasco soberano?”

euskal herria gure esku dago consultas
photo_camera Presentación das consultas. Imaxe: GED

Este domingo o 'dereito a decidir' toma forma en 32 concellos de Guipúscoa e faino a través de consultas populares. A veciñanza dos municipios de comarcas como o Goierri poderán responder a unha pregunta: “Desexa ser cidadá dun estado vasco soberano?”. Riscar a opción que desexen (Si ou Non) e depositar a papeleta nas urnas habilitadas. A iniciativa está impulsada pola plataforma 'Gure esku dago' e prodúcese após meses de debates, coloquios, actos deportivos, sociais e culturais, recollidas de sinaturas... nas que se implicaron milleiros de persoas para demandar que se lles permita decidir o seu futuro como pobo. Este domingo, 32 concellos realizarán consultas populares. Mais non van ser os únicos pois esta dinámica de consultas non acaba aí.

Xa hai fixadas máis datas para que máis municipios fagan parte deste movemento popular. Haberá logo máis consultas. Este ano, e tamén en 2017. De feito, xa se fixou o 2 de abril para a realización destes referendos en localidades como Barrika, Sopela, Lemoiz ou Urduliz. Tamén para 2017 haberá consultas en concellos da comarca de Sakana (Nafarroa).

Desde a plataforma chaman á participación da sociedade nestas consultas. “Chegou a hora”, dixemos hai tempo, e está a chegar ese día. Neste camiño, para nós o máis importante foi decatarnos de cantos imposíbeis se fixeron realidade”. EH Bildu e PNV asinaron unha declaración de apoio a estas consultas na Xunta de Gipuscoa.

Vídeo feito pola veciñanza de Azpeitia en apoio á consulta popular:

Comentarios