Galeg@s dan as súas razóns para saír á rúa o 15-S

O BNG chama a saír á rúa o vindeiro 15 de setembro para demandar "a recuperación dos centros de decisión" e un cambio de rumbo nas políticas económicas e sociais. Conversamos con desempregad@s, estudantes, traballador@s e labreg@s que irán a Compostela este domingo. Con elas abordamos as súas razóns

photo_camera [Imaxe: Galiza Contrainfo]

Toda a cidadanía está chamada a se sumar o vindeiro domingo 15 de setembro á manifestación convocada polo Bloque Nacionalista Galego baixo o lema 'Por unha patria soberana'. A organización frontista salienta que o obxecto da convocatoria é "dar unha resposta galega e en positivo" perante unha "situación que non dá para máis". 

En conversa con Sermos Galiza algunhas das persoas que secundarán a chamada frentista debullan as razóns para "encher as rúas" da capital galega. Tod@s explican que "razóns hai sempre" para se manifestar e, malia viviren situacións ben diferentes, coinciden en sinalar que "unha Galiza soberana" permitiría mudar o rumbo das cousas.

Miguel Revaldeira: "Non temos que saír só os desempregados, tamén os que traballan"

Integrante da asemblea de desempregad@s de Lugo, Miguel leva máis de dous anos no paro. "Nunca antes estivera no desemprego", subliña. "Son maior de 60 anos e rematei a prestación" agora solicitará o subsidio de 460, "sei que non vou volver traballar" afirma, "mais vexo o futuro da mocidade moi escuro".  Porén, Miguel non se rende. O 15 de setembro, di, "vou ir" á manifestación convocada polo BNG, mais, aclara, "non temos que saír só os desempregados, tamén os que traballan". "Debemos participar en todas as loitas", salienta, perante unha realidade da que responsabiliza nomeadamente "aos empresarios". 

Margarida Blasco "Sempre hai razóns para encher a rúa"

Traballadora do telemarketing, esta moza de Vigo ten claro que "razóns hai moitas para saír á rúa", nesta convocatoria "e en tantas outras". Para Margarida, "sempre hai razóns para encher a rúa" e ten claro que a decisión de tomar parte da mobilización do 15 de setembro "reside en tres alicerces: xénero, clase e soberanía". Esta traballadora do telemárketing asegura que coa súa participación visa defender "os dereitos das mulleres" perante "a sociedade patriarcal na que vivimos".

"Como muller, como traballadora e como galega irei á manifestación"

Para Marga, "a igrexa católica através dos seus apéndices políticos, PPSOE", di, "quere tomar as rendas dos nosos corpos". Neste senso, enfatiza que a mobilización convocada polo Bloque tamén visa reivindicar a soberanía dos corpos face "a reforma do aborto" ou a exclusión das "mulleres lesbianas" dos tratamentos públicos de fecundación asistida. Para alén diso, Margarida salienta como a "precariedade laboral" atinxe en maior medida ás mulleres, sendo "os traballos feminizados aqueles nos que as condicións laborais son máis desfavorábeis". As mulleres, di, "estamos oprimidas, nin que dicir, coas condicións de traballo que estamos enfrontando". "Como muller, como traballadora e como galega irei á manifestación", sentencia.

Xosé Regueiro: "Quero unha Galiza soberana para que @s labreg@s teñamos unha renda digna polo noso traballo"

Gandeiro na Terra Chá xestiona unha explotación de leite ecolóxico xunto co seu irmán. Xosé non poderá ir á manifestación "porque ese día teño que traballar", recoñece quen sabe ben o que é un traballo a xornada completa, 7 días á semana os 365 días do ano. Embora o seu leite obteña un maior prezo en orixe --polas características da produción ecolóxica--, este chairego ten claro que "se puidera iría" a Compostela "porque quero que Galiza sexa soberana", sentencia. Inquirido ao respeito, Xosé aclara que unha Galiza con poder de decisión podería desenvolver "unha política agraria que manteña o noso medio rural vivo" e na que "@s labreg@s teñamos unha renda digna polo noso traballo". Este gandeiro non quere, di, que dende Madrid se siga facendo unha política que só beneficia os grandes propietarios da meseta".

Davinia Rubinos: "Non ficaremos paradas mentres non se nos recoñeza como pobo"

Esta moza de 25 anos é enxeñeira química e está a facer un mestrado, di, "porque non atopo traballo". Polos seus estudos ten que pagar "1.800 euros de matrícula o primeiro ano e 900€ o segundo", polo que "rezo, sen crer moito niso", aclara, "para que me dean unha bolsa". Perante as reformas aprobadas polo Ministerio español de Educación, Davinia explica que "coas condicións e reduccions que hai nas bolsas non é facil acceder a unha". A situación familiar desde rapaza podería ser a de calquera outra. "Meu pai está no paro e miña nai non chega a ser mileurista por moito", asegura. 

Aínda así, ten pouca confianza en conseguir unha axuda para os seus estudos. "Estou nesta situación", conta, "porque Galiza ten capacidade para producir, para ter industria de seu onde eu podería traballar --leiteiras, I+D+I, enerxias renovábeis, fábricas de calquer tipo mais ben-- mais ao estado español e á Xunta non lles interesa". Neste senso, Davinia recoñece que o domingo estará na manifestación do Bloque porque confía "en sermos capaces de darlle a volta á situación" e "gobernármonos por nós propias" ollando, di, "polos intereses do noso país".

"Creo firmemente nisto e as manifestacións son para min a expresión máxima do poder que temos como pobo", afirma con rotundidade.

Comentarios