ANÁLISE

Unha constitución filla do franquismo

Naceu do franquismo. Foi unha mudanza lampedusiana ao ditado das esixencias do capitalismo internacional e das súas sucursais españolas, que deu continuidade aos eixos reitores das políticas do réxime do 18 de xullo.

franco
photo_camera Felipe Borbón, na presenza de Francisco Franco e ante o atento ollar de quen reinaría como Juan Carlos I

Significou a institucionalización dun modelo deseñado nos grandes centros de poder imperial, nomeadamente en Estados Unidos e Alemaña, validado polos sectores económicos e políticos que deran soporte á ditadura, garantido polas forzas armadas e coa monarquía situada como chave de bóveda. Juán Carlos de Borbón, o herdeiro nomeado por Franco; á fronte da xefatura do goberno, Adolfo Suárez, antigo secretario xeral do partido único, a cabeza dun goberno formado por ministros con experiencia nos gabinetes franquistas; e as forzas armadas, mandadas por unha xeración de militares curtidos na guerra civil e de probada lealdade ao caudillo, como xendarmes. Todo atado e ben atado, un texto constitucional para blindar unha forma de estado unitario fortemente centralizado, baixo verniz autonomista e un modelo económico confesional cos principios do libre mercado, funcional ás necesidades de expansión do capital.

Todo atado e ben atado, un texto constitucional para blindar unha forma de estado unitario fortemente centralizado, baixo verniz autonomista

É filla, ao tempo, das renuncias dunha parte da oposición antifranquista. O Partido Socialista Obrero Español, reconstruído a pasos acelerados na década dos 70 co apoio da socialdemocracia europea, e o Partido Comunista de España, actor principal da oposición ao réxime en moitas zonas do estado, renunciaron ás propostas programáticas e aos compromisos políticos que viñeron mantendo até practicamente 1976, para abrazarse á proposta dos herdeiros da ditadura. As táboas reivindicativas defendidas polas organismos de oposición impulsadas por estas dúas forzas, isto é a Xunta democrática para o caso do PCE e a Plataforma democrática para o PSOE, foron abandonadas. Uns e outros aceptan a monarquía de Juan Carlos de Borbón, aquel a quen Felipe González e Santiago Carrillo alcumaban o breve, asumen como símbolo do estado a bandeira bicolor, aquela que Franco recuperou dos caixóns da historia, avalan a lei de amnistía, iniciativa dirixida a librar de responsabilidades aos protagonistas da represión, ou renuncian ao principio de autodeterminación, no seu caso simplemente unha proclama abstracta de carácter formal sen ningún tipo de consecuencia política.

A Constitución é filla, ao tempo, das renuncias dunha parte da oposición antifranquista

Só o nacionalismo defendeu unha proposta de ruptura democrática fronte ao cambiazo que representaba a Constitución de 1978. A unanimidade practica -a contestación careceu de significación social fora de Galiza, Euskadi, Canarias e Catalunya- e retórica, un exemplo de proceso constituinte modélico, arredor do novo marco xurídico político aprobado polas Cortes o 6 de Nadal de 1978, foi rachada en exclusiva polas forzas patrióticas das nacións sen estado. A posición das diversas organizacións políticas sobre o texto constitucional rematou por evidenciar que non hai máis alternativa de cambio real no Estado Español que aquela que pivota sobre a recuperación da liberdade das súas nacións.

O nacionalismo galego -na súa construción doutrinal, pero sobre todo na súa práctica política- foi quen de erguer unha alternativa á Constitución española, defendendo as Bases Constitucionais da Nación Galega; ao seu programa económico, rexeitando os Pactos da Moncloa, asinados polos partidos do réxime e por CCOO e a UXT, e ao seu capitulo territorial, a autonomía como manobra para asimilación de Galiza e a súa integración máis eficaz na mecánica colonial.

A constitución de 1978 é unha camisa de forza que imposibilita calquera mudanza nunha dirección progresista no Estado Español, actuando, ao tempo, de  arma de combate contra os demócratas

A constitución de 1978 é unha camisa de forza que imposibilita calquera mudanza nunha dirección progresista no Estado Español, actuando, ao tempo, de arma de combate contra os demócratas. Un marco xurídico político garante dos intereses dos grandes núcleos de poder económico, expresión do proxecto histórico español, iniciado á volta do século XV e actualizados polos liberais no XIX, coidado con esmero polo aparello do estado, sexa na súa versión xudicial ou militar, estamento ao que o texto lle recoñece unhas competencias únicas no contexto europeo, irreformábel nos seus aspectos nucleares, aqueles que afectan a unidade territorial do estado e impermeábel á vontade popular, cunha orientación non suxeita á ningún tipo de correlación de forzas. Ao seu carón aniña o constitucionalismo, o uniforme de gala da reacción, un traxe de feitura xurídica e cuartelaria, maquiado polos orgánicos do poder,  para sacar a desfilar contra calquera reclamación do pobo. E sempre presente, o seu pecado orixinal, un berce fascista e unha tradición política non democrática.

Comentarios